O Congreso esLibre celebrado en Vigo incluíu 30 relatorios, 18 obradoiros e catro salas de reunións
luns, 27 de xuño do 2022
A
cidade de Vigo puxo o punto e final a dúas xornadas do Congreso
esLibre, un dos eventos tecnolóxicos e sobre cultura libre de
maior relevancia estatal e internacional. Por Galicia, colaboraron na
organización (a xeito de entidades anfitrioas) o Grupo de Amigos de
Linux de Pontevedra (GALPon) e a Asociación de Empresas Galegas de
Software Libre (AGASOL). Estas organizacións escolleron dous espazos
culturais destacados da cidade galega, o Museo Marco e o espazo de
eventos Muta, como puntos de acollida das numerosas propostas e
solucións relevantes para a cidadanía, a administración e as
empresas. Houbo 30 relatorios, 18 obradoiros, catro salas de reunións
e seis espazos de misceláneas.
As
temáticas abordadas nas dúas xornadas puxeron o foco na actualidade
a través da proposición de solucións mediante software e cultura
libres para o aforro na factura enerxética, a loita contra as
pandemias, a xestión cultural, o combate contra software malicioso,
a seguridade e a protección de datos, así como na sustentabilidade
organizacional baseada no Open Source.
Foi
unha edición especial xa que esLibre celebrouse en Galicia por vez
primeira ao tempo que volveu á presencialidade tras a pandemia por
COVID19.
Segundo
informaron GALPon e AGASOL esta cita deixou un ronsel de expertos e
coñecementos colaborativos ás súas costas, grazas ás múltiples
temáticas abordadas así como ao carácter formativo e divulgativo
de cada unha das actividades. Entre as perspectivas tratadas destacou
a optimización do aforro enerxético do proxecto FreeDs, que une un
hardware e software libres para xestionar os excedentes enerxéticos
nun determinado momento e derivalos para outros usos aportando unha
nova perspectiva ante un paradigma de suba de prezos.
Tamén
a utilización do free software atopou en esLibre múltiples
aplicacións co fin de divulgar e promover un coñecemento público
no marco da cultura sen cancelas. Nesta liña, a utilidade da
tecnoloxía abordou, por exemplo, as aplicacións de rastrexo COVID
implantadas por numerosos países en todo o mundo, entre eles España.
En España a aplicación oficial foi desenvolvida e lanzada con
software libre e facilitando a interoperatividade con outros
sistemas. O experto e conferenciante Alexander Sander, da Fundación
Europea de Software Libre, explicou que “para permitir o seguimento
transfronteirizo e poder abrir de novo as fronteiras, estas
aplicacións debían ser interoperábeis. Grazas á nosa presión,
conseguimos que a UE e mesmo a OMS se pronunciasen positivamente
sobre o software libre e dixesen que axuda a protexer os dereitos
fundamentais”, sinalou.
Esta
edición de esLibre incluíu debates e conferencias sobre a situación
actual do movemento do software libre en Galicia e outras comunidades
como Asturias, ademais de amosar e aportar ferramentas de uso libre
tanto para sectores tecnolóxicos específicos como orientadas ao
usuario medio, divulgando así a protección de datos e a seguridade
que outorgan este tipo de ferramentas.
As
actividades do congreso tamén se centraron en promover o coñecemento
aberto para combater o software malicioso na utilización de sistemas
como Linux ou como a plataforma Arduino, que, segundo se puxo de
manifesto, “incentiva o interese e a práctica en programación por
parte do alumnado de Secundaria e Bacharelato”.
Outra
das conferencias máis esperadas foi a que protagonizou Pietro
Marini, da compañía Nextcloud, unha plataforma de código aberto
que permite ás súas persoas usuarias ter o control sobre os seus
propios datos, subidos á súa propia nube particular. Este sistema
estase utilizando en produción en centenares de miles de
organizacións en todo o mundo, algunhas delas con bases de usuarios
masivas.
Seguindo
a liña divulgativa do congreso, celebráronse mancheas de obradoiros
e actividades formativas dirixidas a un público xeral para
introducilo no mundo das ferramentas do software libre e do
coñecemento da cultura libre. Desde a creación dun videoxogo ou
avatar 3D ata mesas redondas sobre os perigos da economía da
vixilancia actual, foron algunhas das accións que clausuraron o
congreso.