O Concello e a Cámara de Santiago dan a coñecer os premiados no certame Manuel Beiras

luns, 17 de decembro do 2018 Redacción

Finalmente o Concello de Santiago e a Cámara de Comercio local deron a coñecer os negocios gañadores dos Premios Manuel Beiras, dirixidos a recoñecer o compromiso lingüístico dos comercios e empresas de Compostela e a súa contorna, un compromiso extensíbel ás redes. As empresas que resultaron gañadoras da nova edición (XIX) foron Leite Noso e Construcións Alvite González. Así o anunciaron en rolda de prensa o alcalde, Martiño Noriega, e o vogal da Cámara de Comercio, Xavier Freire, que engadiron que os galardóns entréganse hoxe ás 20.00 horas no Pazo de Raxoi. Na gala tamén se distinguirá o labor de Evaristo Rodríguez Carracedo, ex vicepresidente da Cámara de Comercio. Os galardóns xiraron este ano arredor da páxina web www.traballamosengalego.gal.
Polo que se refire á empresa Leite Noso, recibe o Premio Manuel Beiras na categoría de nova incorporación ao galego. Segundo informaron Noriega e Freire, a distinción está relacionada coa marca comercial Deleite, a primeira etiquetada integramente en galego e que, tal e como salienta o xurado, "coloca o noso idioma na mesa de milleiros de fogares cada día", demostrando que o galego “é o vehículo idóneo para presentar o principal produto do noso sector agrogandeiro e para asocialo á riqueza do patrimonio e ao dinamismo da cultura máis actual”.
Na categoría de empresas cun uso continuado do galego, o galardón será para Construcións Alvite González, “por apostar por unha comunicación coidada, coherente e respectuosa coa nosa lingua, facéndoa visíbel nun ámbito de actividade económica onde habitualmente se agocha para os usos formalizados”.
Por último, o xurado acordou conceder a distinción especial do Premio Manuel Beiras a Evaristo Rodríguez Carracedo, avogado compostelán que, como vicepresidente da Cámara de Comercio, “foi un dos piares sobre os que se crearon estes galardóns e cuxo impulso e apoio foi fundamental para que superasen a maioría de idade”. Segundo o xurado, Rodríguez Carracedo "foi a voz da conciencia lingüística que cada ano lembrou a importancia do compromiso empresarial coa lingua e a necesidade de converter en feitos as palabras de apoio".
O xurado dos Premios Manuel Beiras estivo formado polo alcalde, Martiño Noriega; Xavier Freire, en representación da Cámara de Comercio; Beatriz Corral, en representación da Secretaría Xeral de Política Lingüística; Miguel López Crespo, en representación da Unión de Consumidores de Galicia; Belén Regueira no nome do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; María Traveso, no nome da Mesa pola Normalización Lingüística, e os representantes das empresas premiadas na pasada edición dos galardóns.
Como lembraremos, o Premio Manuel Beiras ten distinguido iniciativas e proxectos de natureza claramente dixital, como por exemplo a asociación Puntogal para o impulso dun dominio específico galego (.gal), a empresa de comercio electrónico Buydeal, ou a firma de tecnoloxías lingüísticas Imaxin, entre outras moitas.
O ano anterior, o galardón foi dar á produtora Illa Bufarda; e o premio para a empresa que se incorporara recentemente ao uso do galego recaeu na empresa de fabricación de xogos e xoguetes Brazolinda. Amais, a distinción especial do xurado foi para o Colexio de Avogados de Santiago.
Respecto da campaña de promoción deste ano tivo, como dixemos, unha importante vertente en liña a través das redes sociais e a través de www.traballamosengalego.gal. Segundo explicou Martiño Noriega, “quixemos construír a imaxe dixital dos Manuel Beiras, cun lugar de referencia para obter información sobre a convocatoria actual e as anteriores”. Desta maneira e para xerar interese entre a cidadanía, Santiago viuse ateigada os días pasados de cartaces nas beirarrúas e material publicitario con diversos textos-reclamo e un convite a visitar traballamosengalego.gal. Por certo que esta páxina está redireccionada cara a dos Premios Manuel Beiras, na que se poden atopar as listas de gañadores de edicións anteriores, as bases da convocatoria e numerosos recursos gráficos sobre os galardóns.

PUBLICIDADE