O Concello de Vigo renova a súa canle informativa

venres, 31 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

As nosas grandes cidades comezaron o ano apostando polas iniciativas web, acordes cos novos tempos e poñendo o foco nas súas páxinas oficiais e nas aplicacións lanzadas para facilitar a vida dos cidadáns a través do móbil. Ao caso da Coruña, que hai uns días estreou un espazo en liña ateigado de novidades (e dun marcado espírito de participación), únese agora o do Concello de Vigo, que sorprendeu cunha fonda remodelación do seu Xornal online en materia de forma (o deseño) e de fondo (o contido): unha reconstrución que despexa o espazo comprendido entre a información local e o cidadán de todo aquilo que se pode interpoñer no camiño.
Neste camiño da máxima claridade, da sinxeleza e do accesíbel, o Concello simplificou os apartados cos que abre a páxina web, que se limitan a Noticias e Axenda, e aposta na presentación das novidades informativas polo dominio do visual e do facilmente localizábel. No fondo, ponse o punto de mira en temáticas candentes e de especial interese para a veciñanza, con cadansúas etiquetas clarificadoras: muller, cultura, animación sociocultural, voluntariado, xuventude-educación, etc.
A esta novidade únese o impulso dado esta tempada á aplicación Vigo App, dispoñíbel para móbiles con iOS e Android e acubillando a estas alturas máis de 5.000 elementos da cidade (centros e instalacións, elementos turísticos, servizos de tráfico e transporte, recursos cidade, rueiro, ...) e acceso a datos en tempo real (como o estado do tráfico, as cámaras, próximas chegadas de autobuses ou a temperatura en distintos puntos da cidade) e á información actualizada acotío (novas, avisos, axenda, convocatorias, etc).

PUBLICIDADE