O Concello de Teo aposta pola eAdministración

luns, 2 de febreiro do 2009 Raquel Noya

A fin de que os seus veciños e cidadáns poidan levar a cabo un importante número de trámites de xeito doado e sen moverse dos seus fogares, o Concello de Teo vén de adxudicarlle ao provedor de consultoría tecnolóxica Informática El Corte Inglés o seu proxecto de implantación da administración electrónica na localidade; un encargo que xa está en execución e que se enmarca dentro do plan de modernización administrativa Teo Moderniza.
O proxecto estase a desenvolver sobre a plataforma Sigem, o Sistema Integrado de Xestión Municipal, elaborado mediante software libre en código aberto polo MAP e polo MITyC, que na actualidade, é a solución implantada en máis de medio cento de concellos da provincia da Coruña con máis de 300 procedementos en todos eles.
Informática El Corte Inglés, tamén resultou ser a consultora de TI escollida pola Deputación de A Coruña para o desenvolvemento de procedementos administrativos para múltiples concellos da provincia, entre eles, o de Teo.
A implantación da eAdministración neste concello coruñés, cubre a posta en marcha dunha plataforma electrónica que aloxa tódolos procedementos administrativos.
O desenvolvemento sobre a plataforma Sigem xa se está a empregar na Deputación Provincial de A Coruña así como neutros concellos e entidades a nivel de Estado.
Os responsables desta ferramenta aseguran que, ademais de facilitar as tramitacións telemáticas entre os cidadáns e o Concello de Teo, “este desenvolvemento permitirá a converxencia futura con outras Administracións”.
Mediante a implantación da administración electrónica, tanto os veciños de Teo, como os profesionais da administración, poderán beneficiarse das vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías, sendo asemade a interacción electrónica cos organismos públicos, un dereito recoñecido.

PUBLICIDADE