O Concello de Pontevedra aproba a declaración de accesibilidade da súa eSede
venres, 23 de agosto do 2019
O
Concello
de Pontevedra vén de aprobar a declaración de accesibilidade da
Sede Electrónica. E faino logo de dunha “autoavaliación”
desenvolvida a través de informe solicitado ao Observatorio de
Accesibilidade. Segundo informa o Goberno local, a declaración
conforma “o primeiro chanzo na aplicación das normativas, estatal
e europea, destinada a garantir uns requirimentos mínimos de
accesibilidade de sitios webs e aplicacións para dispositivos
móbiles do sector público”. Con isto, o Concello espallar a
relación dixital real e efectiva a toda a cidadanía, evitando que a
súas canles e ferramentas online fomenten dalgún xeito a
fenda dixital.
O
Executivo local lembra que a súa eSede (sede.pontevedra.gal)
foi activada en marzo de 2016 e que, desde aquela, foi gañando en
ampliacións, melloras e optimizacións para a cidadanía.
Neste
momento, permite realizar trámites relativos a servizos tales como o
Padrón municipal, Urbanismo, Tesourería e Recadación, entre
outros. Nestes trámites inclúense, por exemplo, solicitudes
electrónicas, consulta de expedientes, notificacións electrónicas,
pagamento de recibos ou facturas electrónicas, tanto para persoas
particulares como para entidades corporativas e empresas.
Dende
marzo de 2016 ata o mes de xullo de 2019, o número total de trámites
realizados electronicamente ascende a un total de 68.999, explicou o
Concello, engadindo que coa declaración de accesibilidade impulsada
agora e de todo o traballo despregado para ceibar o espazo
electrónico de muros e atrancos, quérese “asegurar que os
cidadáns se beneficien dun acceso máis amplo aos servizos ofrecidos
pola vía electrónica”.
Ao
abeiro de todo isto, deuse forma á Unidade Responsábel de
accesibilidade, cuxas funcións principais son as de coordinar e
velar pola capacidade integradora e universalizadora do sitio, ceibe
de obstáculos e pronto para atender reclamacións, coordinar as
avaliacións e revisións periódicas, e fomentar a concienciación e
formación nesta materia.
Igualmente,
habilitouse para calquera persoa usuaria da eSede un correo
(accesibilidade.sede@pontevedra.eu) para informar da existencia de
posíbeis incumprimentos dos requisitos de accesibilidade, formular
queixas e propoñer suxestións ao respecto.