O Concello de Ourense abre as portas do seu novo Telecentro de Comunicación

luns, 29 de xuño do 2009 Raquel Noya

A Rede de Telecentros de Comunicación, dependente da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, vén de botar man dos seus recursos (sempre dispoñibles para achegarlle as TIC a todos os galegos e galegas sen excepcións) para abrir un novo TC nos nosos lindes, e posibilitarlle aos seus veciños e veciñas a integración total na Sociedade da Información. Desta volta, a Rede fixo a súa parada no Concello de Ourense, onde, no número 44 da rúa do Progreso, vén de abrir, un novo Telecentro de Comunicación.
Ata alí poderán achegarse dende esta mesma mañá, ademais de tódolos veciños e veciñas da zona interesados nas ferramentas TIC, todo tipo de Asociacións e colectivos da comarca, que poderán usar este Telecentro de Comunicación (TC) para realizar cursos, roldas de prensa, videoconferencias, reunións de traballo, visionado de audiovisuais, conferencias, etc... en horario de 9:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.
A Secretaría Xeral de Medios colabora co concello na dotación e instalación de equipos audiovisuais e multimedia no TC, así como no seu mantemento tecnolóxico. Asemade, incorpora o concello á Rede de Telecentros de Comunicación (RTC) para que se beneficie do traballo colaborativo en rede e da comunidade virtual da RTC.
Ademais de dotar aos Telecentros de Comunicación do equipamento axeitado, a Xunta de Galicia busca, segundo veñen de afirmar os seus responsables, “que adquiran un dinamismo”, polo que están a desenvolver proxectos que permitan aproveitar as sinerxias que xorden da administración autonómica e da local.
Un dos obxectivos da Secretaría Xeral de Medios é, segundo afirmaron, “converter o telecentro de comunicación nun punto de encontro dentro do concello, conseguindo incorporalo como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía”.

O Telecentro de Ourense

O Telecentro de Comunicación do Concello de Ourense, ao igual que os demais centros que a Rede ten espallados por toda a xeografía galega, é un espazo acondicionado acusticamente e de estética particular que dispón de material informático (ordenadores, impresoras, etc.), equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección e de plasma, así como outros sistemas de control que permiten recrear diferentes escenarios (accións formativas, videoconferencias, visionado de audiovisuais ou multimedia) dependendo das necesidades técnicas do evento que se queira desenvolver.
En concreto, este Telecentro conta con 20 postos informáticos con lector de DNI electrónico, DVD, Monitor TFT, Headset con micrófono e control de volume, Windows XP e Paquete software ofimático e multimedia así como con un posto de profesor con lector de DNI electrónico, DVD gravador, Monitor TFT, Headset con micrófono e control de volume, Windows XP e Paquete software ofimático e multimedia.
Tamén dispón de impresora láser cor, proxector con pantalla de proxección motorizada, pantalla de plasma de 42” e un Rack multimedia formado por mesas de mesturas de radio, amplificador e DVD-RW con TDT integrado.
Trátase dun servizo público e gratuíto para todos os cidadáns financiado pola Secretaría Xeral de Medios, que se desenvolveu en colaboración co Concello de Ourense.
Actualmente, a Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia dispón de TC nas localidades de Coruña, Abegondo, Arzúa, Betanzos, Boiro, Carballo, Melide, Muros, Negreira, Oroso, Santa Comba, Santa Comba, Ribeira, Santiago, Vedra, Vimianzo, Allariz, Castro Caldelas, O Baro de Valdeorras, O Carballiño, Ourense, Verín, Xinzo de Limia, A Fonsagrada, Becerreá, Chantada, Foz, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Monterroso, Quiroga, Sarria, Viveiro, A Cañiza, A Estrada, Catoira, Lalín, Marín, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

PUBLICIDADE