O Concello de Oroso organiza 20 cursos tecnolóxicos para a súa veciñanza

mércores, 2 de novembro do 2016 Redacción

A comezos desta semana o Concello de Oroso anunciaba a incorporación de 20 novos cursos de teleformación de diversos temas, todos eles de balde e cun eixo común: as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Cómpre informar que os cursos están dispoñíbeis a través da Aula CeMIT de Sigüeiro-Oroso, terán unha duración de entre 4 e 10 horas e poderán realizarse en calquera intre, sen que o Concello leve a cabo unha convocatoria para celebralos. Emporiso, a plataforma de teleformación local achegará cursos de temática variada e diferentes niveis: dende cursos para aprender a manexar a tableta, a cámara dixital, dispositivos electrónicos, o smartphone ou outros dispositivos electrónicos.
Asemade, haberá sesións para aprender cuestións de actualidade nas redes como a computación na nube, o comercio electrónico, a creación de blogs ou como manexarse na Administración Electrónica (factura electrónica, trámites económicos na Internet, xestión de documentación…).
Para aqueles que rematen o curso e queiran facerse cun diploma de realización do curso asinado dixitalmente, terán a opción de realizar un exame presencial na aula CeMIT de Sigüeiro-Oroso para acadalo. Alén disto, tamén se realizarán xornadas presenciais relacionadas con algunha das temáticas dos cursos para axudar ás veciñas e veciños a superar dito exame.
Para máis información ou para inscricibirse na Aula de Formación EducaOroso (rúa do Deporte 7, Sigüeiro), cómpre chamar por teléfono (981 688 950) ou facelo a través da web municipal.

PUBLICIDADE