O Concello de Oleiros dixitaliza o rexistro

martes, 20 de febreiro do 2018 Redacción

O Concello de Oleiros vén de dar un importante paso en materia de Administración Electrónica, ou sexa, en materia dos recursos que permiten a máxima accesibilidade da información público-local, a dispoñibilidade, a transparencia, os trámites seguros a distancia e a participación cidadá. Hoxe mesmo, o Goberno local procedeu a pór en marcha a tecnoloxía que permitirá dixitalizar o rexistro municipal, tanto de entrada como de saída. Desde hoxe, os documentos que presenten os cidadáns ante a Administración local quedarán dixitalizados, podendo conservar os orixinais os veciños e veciñas.
Segundo informa o Executivo local, o de hoxe é un paso máis do Concello de Oleiros na posta en marcha da Administración Electrónica, “que xa se atopa moi avanzada cunha sede electrónica propia na que se poden facer numerosos trámites”. O Concello tamén lembra que nos vindeiros meses seguirase avanzando para mellorar e ampliar o servizo telemático que se lle presta aos veciños e veciñas do municipio con, entre outras cousas, o rexistro electrónico desde dispositivos móbiles e ordenadores.

PUBLICIDADE