O Concello de Oleiros convoca ás familias para axudalas a usar as TIC en positivo

venres, 3 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

A vindeira semana, o xoves 9, vaise falar en Oleiros das consecuencias negativas que se derivan dun uso indebido das novas tecnoloxías entre a xente nova: un uso sen medida, sen control e, sobre todo, sen as debidas pautas de asesoramento sobre o que se fai nas redes e o que se deriva do seu emprego. Estamos a falar da xornada Todo por un like, que se celebra ás 20.00 horas no auditorio do centro cultural A Fábrica. Na cita, nun plano máis concreto, falarase sobre a influencia que teñen Internet e as redes sociais na educación emocional, afectiva e sexual nas etapas da nenez e da adolescencia.
O coloquio será conducido por dúas especialistas en educación emocional, en redes sociais e no traballo con menores e adolescentes: Sara Vierna e Virginia Pañeda, integrantes de Almas Meraki. Segundo adiantan, na cita achegaranse pautas e claves para estarmos preparadas/os ante as consecuencias da transformadora irrupción das novas tecnoloxías e o acceso Internet en todos os niveis e vertentes da vida dos menores de idade, unha irrupción que de non contarmos cos recursos precisos e axeitados, pode derivar decontado cara o negativo, deixando de lado o gran potencial docente e comunicador das novas ferramentas. Así, coñecer a influencia que teñen nos menores, os comportamentos que derivan do seu uso indiscriminado e sen criterio e, sobre todo, a necesidade dun acompañamento por parte das familias serán algún dos obxectivos desta charla.
Amais, tamén se botará luz sobre o que motiva moitos dos comportamentos que observamos hoxe en día nos nenos e nenas e, posteriormente, na adolescencia, unha etapa da vida á que se chega cada vez antes de tempo. Esta charla enmárcase dentro do Programa Familias Inquedas do Concello de Oleiros, un conxunto de actividades dirixidas ás familias da contorna con menores para apoialas, acompañalas e orientalas na educación e crianza dos seus fillos e fillas.

PUBLICIDADE