O Concello de Narón dá un novo impulso á súa innovadora plataforma de participación

venres, 11 de xuño do 2021 S. P.

A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, anunciou que o Concello de Narón relanzará o espazo virtual de participación local, a plataforma Naronparticipa.es, co obxectivo de dar a coñecer á cidadanía en xeral e ao tecido asociativo en particular o traballo que se realiza nesta plataforma.
“A través da Escola de Participación Cidadá de Narón elaboráronse dous elementos comunicativos, unha guía visual e un vídeo explicativo para presentar todas as posibilidades que ofrece esta plataforma e tamén como rexistrarse na mesma”, apuntou García, engadindo que estes documentos poden consultarse nas redes sociais da Escola de Participación Cidadá e tamén do Concello.
Segundo fixo saber, a plataforma Narón Participa “é moi innovadora e versátil e está aberta ás achegas que nos queira realizar a veciñanza, permitindo tamén dar visibilidade ao tecido asociativo do Concello e dinamizar a participación cidadá”.
Realizar propostas sobre procesos participativos en curso, informarse sobre as convocatorias dos Consellos Territoriais e revisar as súas actas, informarse sobre o tecido asociativo da cidade… “son algunhas das funcións desta plataforma”, explicou.
García animou ás entidades que traballan en Narón a solicitar un espazo propio dentro desta web no que poderán mostrar ao detalle o seu traballo e compartir novas, crear eventos, actualizar os seus datos de contacto e redes sociais ou compartir documentos de interese para as asociacións.
Todas aquelas entidades interesadas deben poñerse en contacto coa Escola de Participación de Narón, a través do correo: escolaparticipacion@naron.es ou do número de teléfono 603 865 413.

PUBLICIDADE