O Concello de Lugo presenta a web para consultas e reservas da Biblioteca Municipal

xoves, 19 de xaneiro do 2017 Redacción

A Biblioteca Municipal de Lugo vén de facer reconto da súa actividade tecnolóxico-dixital e, tamén, revisión das novidades para este 2017. Entre estas últimas figura como novidade estrela unha nova páxina web para facermos consultas e reservas de fondos a través da Internet. O sitio, un catálogo dixital, está xa dispoñíbel en biblioteca.lugo.gal e máis a través da web municipal, lugo.gal. Estes e outros datos foron dados a coñecer no salón de plenos do consistorio pola concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen lembrou que a Biblioteca conta a día de hoxe con preto de 38.000 exemplares e 12.000 usuarios. Ademais, engadiu, realizou 22.041 préstamos durante o 2016, no que se deron de alta 327 persoas.
Volvendo ao catálogo dixital, Basadre sinalou que “ten como obxectivo a localización de información dunha forma sinxela e rápida, así como ofrecer diversos servizos que estaban sendo demandados polos propios usuarios da biblioteca”. Tamén explicou que o acceso ao catálogo permite a visualización dos resultados de cada procura cos datos bibliográficos do documento e ofrece ligazóns sobre os seus autores e materias. Engadiu que para tirarmos partido da ferramenta, non é preciso que esteamos rexistrados.
Porén, apuntou, quen si que estea dado de alta na Biblioteca terá á súa disposición unha serie de servizos tecnolóxicos “extra”, como por exemplo recibir mensaxes relativas a reservas, devolucións e informacións de interese, visualizar o histórico dos préstamos, renovar préstamos, reservar exemplares, suxerir documentos para a súa compra ou incluír temas ou autores de interese (permitindo que cando unha nova obra sexa catalogada e atenda aos datos incluídos polo usuario, este reciba un correo electrónico comunicándolle a nova incorporación).
Reconto do 2016
A concelleira, no ámbito do balance do ano que vimos de deixar atrás, sinalou que na actualidade, o número de usuarios inscritos no servizo de préstamo da Biblioteca Municipal é de preto de 12.000, dos cales máis de 10.000 son adultos e 1.300 nenos, dándose de alta neste servizo 327 novos usuarios durante o 2016. “Un servizo”, dixo, “que se reforza ano tras ano coa constante actualización e ampliación do seu fondo bibliográfico que conta a día de hoxe con 37.944 exemplares, dos que 31.642 son libros, 14.005 infantís e 17.637 adultos; 4.440 documentos audiovisuais, 1.361 documentos sonoros e 501 documentos electrónicos”.

PUBLICIDADE