O Concello de Lugo mostra unha aplicación interactiva para coñecer a historia da cidade

xoves, 18 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Lugo quere ser unha cidade tecnolóxica até no xeito de mostrar o seu patrimonio, e esta semana puidemos coñecer un novo exemplo desta innovadora maneira de pescudar e amosar a historia, que xa deu froitos recentes relevantes como a iniciativa do Concello para mostrar os detalles das portas da Muralla Romana en clave de Realidade Aumentada ou, tamén, as xiras virtuais polas instalacións do Cemiterio Municipal de San Froilán. Este martes a alcaldesa Lara Méndez presentou unha nova aplicación interactiva que amplía a difusión histórica de Lugo.
Segundo fixo saber, trátase dunha completa ferramenta, con máis de 1.400 elementos de información, que permitirá aos usuarios percorrer “a trama urbanística da cidade e a súa evolución desde a época medieval á moderna” a través do extenso fondo documental fotográfico municipal.
A aplicación Lugo na memoria abrangue tres itinerarios: o do trazado do Camiño Primitivo (desde a Porta de San Pedro á Porta de Santiago); outro que parte de Obispo Aguirre e sae por San Fernando, e o terceiro que recolle a ampliación urbanística do século XIX (Progreso, Estación).
A aplicación, artellada cun formato de fotografías panorámicas e en 3D e que mesturan imaxes reais e históricas, inclúe un mapa que permite ao usuario “unha maior interacción para que poida desprazarse ao punto que desexe, realizando paradas en puntos de información onde se explican 360 espazos e edificios emblemáticos elixidos na cidade”, explicou a rexedora, poñendo o foco na planimetría e no seu máis que posíbel interese para os urbanistas.
Segundo se fixo saber, a aplicación subirase á web do Concello de Lugo (www.lugo.gal) nuns días, e desde esa ligazón poderase utilizar tamén a través dos teléfonos móbiles e con gafas de Realidade Virtual.
A alcaldesa salientou a importancia desta iniciativa porque “permite que tantos os e as lucenses como as persoas que nos visitan coñezan como eran os actuais emprazamentos noutras épocas históricas, mellorando así a experiencia recibida e contribuíndo á difusión do noso enorme patrimonio local”.
Na presentación tamén participou o concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, e o alumnado que desenvolveu esta aplicación (as e os estudantes participantes do obradoiro de emprego InteracTICvate, que se impartiu no CEI Nodus co fin de impulsar a cualificación profesional e a inserción laboral entre a mocidade).

PUBLICIDADE