O Concello de Lugo lanza axudas para contratar aos participantes en InteracTICvate

venres, 9 de agosto do 2019 Redacción


O Concello de Lugo abriu a convocatoria de axudas a empresas para a contratación das e dos participantes no obradoiro dual de emprego InteracTICvate, destinado, como o seu propio nome indica, a crear postos de traballos abeirados ao ámbito tecnolóxico-dixital. A convocatoria vén cunha contía de 9.000 euros para atender ao custo dun total de media ducia de incentivos á contratación laboral por conta allea do persoal beneficiado polo devandito programa InteracTICvate, impulsado polo Concello de Lugo e impartido no CEI Nodus.
Os perfís laborais no ámbito das materias impartidas na actividade formativa son os seguintes: fotógrafos, reporteiros e/ou informadores gráficos, retocadores fotográficos, retocadores fotográficos dixitais, operadores de imaxe fotográfica, foto fixa, técnico/a de servizos culturais, técnico/a de servizos culturais.
O obxectivo deste obradoiro foi a elaboración da aplicación Lugo na memoria, coa que o Concello quere “pór en valor de xeito atractivo a enorme riqueza patrimonial e cultural da cidade e a súa contorna”. A ferramenta recolle tres itinerarios: o que segue o trazado do Camiño Primitivo (desde a Porta de San Pedro a Porta de Santiago); outro que parte de Bispo Aguirre e sae por San Fernando, e o terceiro que recolle a ampliación urbanística do século XIX (Progreso, Estación).
Dispoñíbel na web do Concello de Lugo dende o pasado venres 2 de agosto, lembrar que na mesma plataforma, o Executivo local habilitou un correo electrónico (lugonamemoria@lugo.gal) para todo aquel internauta que queira aportar material gráfico ou información para o enriquecemento desta aplicación e dar a coñecer o patrimonio de Lugo dende diferentes enfoques.
Este curso levado a cabo con axudas da Xunta de Galicia brindou á mocidade local a oportunidade de formarse en novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE