O Concello de Ferrol adherirase á historia social única electrónica

martes, 13 de agosto do 2019 Redacción

O Concello de Ferrol adherirase á Historia Social Única Electrónica, a HSUE, impulsada na nosa terra pola Xunta (axencia AMTEGA, Política Social) e a FEGAMP a través dun convenio de colaboración tecnolóxica no que entran en xogo, activamente, os concellos. Así o comunicou este mes de agosto a Concellería de Benestar Social que dirixe Eva Martínez Montero, salientando que a HSUE é un sistema que reúne toda a información dispoñíbel sobre os usuarios dos servizos sociais, polo que se trata “dunha ferramenta que axilizará e mellorará o traballo do persoal técnico”, segundo lembrou a edil.
A concelleira insistiu en que a adhesión será “moi importante para a optimización desta área municipal”, que en Ferrol, dixo, “levaba tempo bloqueada”. Amais, engadiu que se trata do “primeiro paso cara unha modernización necesaria na prestación dun servizo esencial, como é o vencellado ao benestar social”, polo que había que sacalo adiante “canto antes”.
A Historia Social Única Electrónica, que este ano 2020 estenderase no 2020 aos dispositivos móbiles (como axuda na atención ás persoas maiores, familias e coidadores), é unha iniciativa abeirada aos procesos de afianzamento da eAdministración que contribúe a axilizar a tramitación dos servizos e prestacións e a proporcionar unha atención máis personalizada. Actualmente, a plataforma está dispoñíbel para os traballadores sociais de máis de 250 municipios e concentra as historias sociais en formato electrónico de máis de 650.000 cidadáns.

PUBLICIDADE