O Concello de Ferrol, a UDC e a Xunta pechan fileiras arredor do Centro de Investigación en Industria Intelixente

martes, 3 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, nunha rolda de prensa recente

O Concello de Ferrol vén de confirmar o seu apoio integral á Xunta e á Universidade da Coruña para impulsar e converter en realidade o Centro de Investigación en Industria Intelixente, abeirado ao seu Campus (pertencente á UDC). O alcalde, Ángel Mato, puxo a disposición das dúas entidades “todos os medios municipais” para materializar o proxecto. Este, como lembraremos, recibiu a semana pasada un decisivo impulso por parte Xunta durante a presentación do investimento para a UDC previsto para 2020, unha contía meirande da prevista: 4,2 millóns de euros.
O Centro de Investigación en Industria Intelixente é unha medida complementaria á ampliación do Campus de Ferrol prevista pola Universidade da Coruña. Situarase no encontro entre as avenidas de Vigo e de Esteiro. Está previsto que nos próximos meses se convoque o concurso deste proxecto.
Para o alcalde, trátase dunha infraestrutura que se converterá nun “elemento básico para o desenvolvemento da cidade”, polo que asegurou que colaborará en todo aquelo que sexa necesario para conseguir a súa materialización “coa maior celeridade posíbel”. O Centro de Investigación en Industria Intelixente centrará a súa actividade en desenvolver proxectos que contribúan a converter Galicia nun referente en Industria 4.0: a industria automatizada, sustentábel, eficiente, rendíbel e intelixente. Será un importante piar tecnolóxico para os campus da UDC, a engadir ao proxecto da Cidade das TIC que a Universidade quere converter en realidade na antiga Fábrica de Armas da Coruña.
No Centro de Investigación en Industria Intelixente de Ferrol situarase a sede principal do Campus Industrial, así como a unidade mixta da UDC e Navantia (o proxecto conxunto para crear o Estaleiro 4.0).

PUBLICIDADE