O Concello de Ames solicita unha aula CeMIT para O Milladoiro

mércores, 10 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Ames quere amplificar a alfabetización dixital da súa cidadanía, un proceso que, na súa opinión, pasa de xeito inevitábel pola posta en marcha dun espazo de divulgación e formación tecnolóxica no outro grande núcleo de poboación do termo municipal, amais de Bertamiráns: O Milladoiro. Por este motivo, o Executivo local vén de solicitar ao Goberno galego a apertura dunha aula CeMIT nesta segunda localidade. O escrito remitíuselle en marzo á axencia AMTEGA, da que dependen as ditas aulas de alfabetización dixital, integrantes da rede CeMIT.
Nesta carta, o alcalde José Miñones facía referencia “á necesidade de que Ames conte con máis dunha aula deste tipo, tanto pola fisionomía do concello como polo importante número de habitantes aos que dá acubillo”. Entre os motivos que propiciaron esta solicitude enumerase “a fisionomía dun concello que conta con dous importantes núcleos urbanos e diversos núcleos rurais, e que supera os 31.000 habitantes”.
No escrito, o rexedor fai fincapé nas vantaxes de habilitar unha aula CeMIT no Milladoiro: “Esta infraestrutura posibilitaría a realización dun maior número de cursos e formacións de especificación tecnolóxica, así como a realización de outras actividades ao abeiro dos programas de conciliación que na actualidade non poden realizarse pola falta deste espazo”. Segundo o Goberno local, a petición responde a unha “demanda reiterada dos veciños e veciñas do Milladoiro e arredores a que se ofreza unha oferta semellante á de Bertamiráns nese núcleo”.

PUBLICIDADE