O Concello de Ames solicita colaboración veciñal para levar a fibra ao rural

mércores, 16 de marzo do 2022 Anxo Sesto

Dende o Concello de Ames puxéronse en contacto coas asociacións veciñais do municipio para coñecer o estado actual do despregue de fibra óptica nas distintas parroquias do rural. O obxectivo é “coñecer en que zonas a veciñanza non conta cun servizo de rede indispensábel para o traballo ou estudos, e solicitar ás empresas que correspondan que se realice dita instalación”, sinalaron fontes do Consistorio.
O alcalde de Ames, Blas García, indicou “que a colaboración das asociacións veciñais é necesaria e esencial para poder contar cunha conexión de calidade que permita desenvolver o traballo ou estudos con normalidade dentro da vida no rural”. Recoñeceu tamén que o Goberno municipal é “consciente da necesidade de sacar adiante todas as accións que se atopen dentro das súas posibilidades”, e solicitou o apoio das asociacións para que acheguen información respecto aos lugares da súa parroquia nos cales aínda non chegou a fibra óptica.
Pódese presentar dita información a través do correo electrónico gabinete@concellodeames.gal ata o 18 de marzo (inclusive). Para resolver calquera dúbida ao respecto pódese chamar ao número de teléfono 881 07 47 30 ou escribir un correo electrónico ao enderezo gabinete@concellodeames.gal.

PUBLICIDADE