O Concello de Ames impulsa un repositorio en liña cos vídeos municipais máis destacados: a Mediatec@mes

mércores, 4 de novembro do 2020 S. P.

O Concello de Ames está a impulsar diversos servizos tecnolóxicos para informar á veciñanza da actualidade e das actividades do municipio. Un destes servizos é a Videoteca, o apartado Mediatec@mes, onde se recollen os audiovisuais municipais máis destacados. Á Mediatec@mes pódese acceder directamente ou ben dende un banner que está ao pé da páxina de inicio da web municipal. Ademais, existe un sistema personalizado de envío de avisos, actualidade e axenda municipal (a través de RSS, correo electrónico e Telegram), así como diferentes contas de redes sociais en Twitter, Facebook e Instagram.
Segundo informa o Concello, trátase dun novo espazo multimedia cos vídeos e fotografías máis destacadas do Concello. Neste espazo hai material multimedia catalogado en diferentes espazos: plenos, eventos, turismo, cidadanía e galería de imaxes. No apartado de plenos pódese acceder ao portal de Vídeoactas. Ademais, existen outros apartados que recollen material vídeo-gráfico sobre eventos, turismo e programas para a cidadanía. Tamén existe unha sección para acceder directamente ao apartado de Galería de imaxes.
Os últimos vídeos cargados no apartado de Cidadanía foron o da presentación do Plan Reactiva Ames, que conta con 99 medidas de reactivación económica e social para o concello. Tamén se pode ver neste mesmo apartado o vídeo promocional do comercio En Ames témolo todo!, e maila mensaxe do alcalde de Ames pola crise sanitaria. Durante os vindeiros meses os diferentes apartados da Mediatec@mes iranse actualizando con máis vídeos de programas e actividades municipais.

PUBLICIDADE