O Concello de Ames estrea portal, máis informativo, comunicativo e participativo

martes, 11 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Ames presentou hoxe o seu novo sitio web, dispoñíbel en www.concellodeames.gal. Unha das grandes novidades que pon en xogo o remodelado portal é o incremento de información, ao que se suman máis posibilidades de comunicación coa veciñanza (máis participación cidadá, máis canles para incrementar a colaboración veciñal e garantir a resolución de incidencias e trámites). A listaxe de cousas novas non remata no devandito: complétase cun portal de transparencia, co portal Mediatec@mes, cun novo cadro de navegación e coa recuperación da axenda de eventos en portada. O resultado é unha páxina onde todo está concibido para que nada (atrancos visuais ou textuais, elementos que distraen, datos non visíbeis) se interpoña entre a cidadanía e o Concello.
Así o explicou o Goberno local: “O novo sitio web está orientado aos usuarios/as cun deseño inicial que facilita unha rápida localización da información, sen ter que afondar en varios niveis de profundidade, e o acceso a trámites e servizos”.
Ademais, engadiron dende o Consistorio, “a nova web é plenamente funcional en dispositivos móbiles algo que antes non acontecía”.
No acto de presentación participaron o alcalde en funcións, José Miñones, a concelleira en funcións de Comunicación, Isabel Vaquero, e mailo responsábel (Ángel Taboada) da empresa encargada xunto coa Concellería de Comunicación) do deseño do novo sitio: Plexus.
Segundo explicaron, a remodelación do sitio dixital achega un deseño inicial que facilita unha rápida localización da información, “sen ter que afondar en varios niveis de profundidade, e o acceso a trámites e servizos”.
Outro dos puntos nos que se fixo fincapé na presentación foi na antigüidade da páxina previa, que se revisou hai oito anos e, dende aquela, “as necesidades e posibilidades mudaron moito, e máis tendo en conta o carácter dinámico de Ames, que precisa de canles de información e comunicación adaptadas ao século XXI”. A renovación, neste senso, puxo o foco nun eido específico de comunicación de gran presenza entre a cidadanía a día de hoxe: as redes sociais.
A concelleira en funcións de Comunicación, Isabel Vaquero, salientou que “se trata dun sitio web elaborado con tecnoloxías abertas o que lle vai permitir seguir medrando no futuro de xeito descentralizado”. Amais, engadiu que “a páxina amplía as posibilidades dos usuarios/as, incrementa as posibilidades de comunicación, de facer transaccións, de informarse sen acudir ás dependencias municipais e potencia a transparencia”. Tamén incrementa, dixo, as posibilidades de comunicación do Concello coa veciñanza, a través da nova nova canle de Telegram, e da cidadanía con respecto á propia Administración local, co novo servizo de incidencias.

PUBLICIDADE