O Concello de Ames asina o contrato para acadar unha web máis moderna e funcional
venres, 18 de xaneiro do 2019
O
alcalde
de Ames, José Miñones, e mailo responsábel da empresa Tecnologías
Plexus, Ángel Taboada, asinaron hoxe o contrato para deseñar unha
nova web para a Administración local, “máis moderna e funcional”.
No acto de sinatura tamén participou a concelleira de Comunicación
e Normalización Lingüística, Isabel Vaquero. Segundo fixeron
saber, a nova páxina “será plenamente funcional en dispositivos
móbiles e permitirá o rápido acceso á información, trámites e
servizos”. O proxecto adxudicouse por un importe de 29.753 euros.
Amais
do devandito obxectivo, o Concello busca con este proxecto “mellorar
a información e a comunicación coa veciñanza, permitir o acceso
plenamente funcional á web mediante dispositivos móbiles,
modernizar o deseño, buscar a accesibilidade universal, facilitar a
integración da web coas redes sociais e descentralizar e facilitar o
traballo de xestión e administración do sitio”.
Con
base en tecnoloxías abertas, o sitio dixital terá unha estrutura
orientada aos usuarios, cun deseño inicial que facilite a rápida
localización da información e o acceso a trámites e servizos. Así
mesmo, engadiu o Concello, ampliaranse as posibilidades de
comunicación (avisos mediante notificacións, boletíns
informativos, envío de incidencias ao Concello e integración coas
redes sociais) e potenciarase os contidos xa existentes de
transparencia e de actualidade.
Asemade,
porase o foco en favorecer a accesibilidade e o derrube de atrancos:
todos os elementos estarán dispostos para facilitar o pleno uso de
persoas con dificultades visuais, auditivas, dislexia e as incluídas
no espectro do autismo. Ademais, “a súa renovación permitirá un
mellor acceso aos diversos trámites e xestións”, explicou o
alcalde, engadindo que outra das finalidades é “facilitar o seu
emprego tanto ao persoal técnico responsábel do sitio como ao
persoal dos diversos departamentos municipais, claves para
descentralizalo e ampliar e atender contidos”.