O Concello da Coruña renova a Oficina Virtual do Contribuínte

luns, 20 de marzo do 2023 Lucía Villaverde

O Concello da Coruña puxo en marcha a nova Oficina Virtual do Contribuínte (OVC), unha ferramenta deseñada para simplificar trámites administrativos. Actualízase a anterior versión da sede electrónica para os procesos de carácter tributario, cunha versión responsive (adaptada ás pantallas dos dispositivos móbiles, como é o caso dos teléfonos e as tabletas) que facilita a realización dos trámites dixitais.
Ademais, a nova OVC tamén inclúe avances no referente á súa integración coa pasarela de pagamento da entidade bancaria: cada usuario poderá xestionar estes trámites sen verse na obriga de descargar os ficheiros para, posteriormente, acceder á web da entidade bancaria, xa que o novo sistema está directamente sincronizado co TPV virtual das entidades bancarias.
O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, puxo en valor as novidades implementadas a través da OVC: "O que buscamos é mellorar os servizos que lles ofrecemos aos cidadáns, eliminar burocracia e facilitar a relación das persoas coa Administracións, unha directriz establecida por Inés Rey e que aplicamos tamén nas oficinas físicas do Concello cos novo sistemas de apoio e atención personalizada".
Para acceder á nova OVC, á que se pode chegar da ligazón habilitada na sede electrónica municipal, é preciso identificarse a través do rexistro Cl@ve. Todo usuario pode acceder e modificar os seus datos persoais, así como consultar o calendario fiscal anual. Tamén se facilita a disposición de notificacións automáticas para configurar recordatorios previos aos prazos de pagamentos.
Ademais, existe un acceso directo aos expedientes persoais e tamén aos documentos xerados a través da app, de forma permanente. A este respecto, tamén será posíbel xestionar a descarga dos certificados do padrón municipal, así como todo tipo de recibos asociados a trámites administrativos municipais.

PUBLICIDADE