O Concello da Baña formará á veciñanza no uso e vantaxes da sede electrónica local

luns, 12 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

Co obxectivo de preparar á veciñanza nos cambios que se aveciñan e que levan anos facéndose notar (a transformación da relación veciñanza-administracións cara o tecnolóxico-dixital), o Concello coruñés da Baña vai organizar un curso sobre sede electrónica do municipio. Segundo informa o Goberno local, neste obradoiro ensinarase aos participantes o funcionamento desta páxina web na que se poden solicitar subvencións, pedir licenzas, consultar e facer xestións durante as 24 horas do día e dente calquera dispositivo.
A participación no obradoiro é de balde. O curso desenvolverase durante o mes de setembro, estando aínda pendente de concretarse a data definitiva. O prazo de inscrición estará aberto ata o 15 de setembro, na Casa do Concello da Baña ou chamando a algúns dos seguintes números de teléfono: 981 886 777, 981 886 501, 682 859 367.
Segundo informa o Concello acerca da sede electrónica local e das cousas que permite facer de termos un nivel mínimo de formación dixital requirido, a sede fai posíbel todo tipo de trámites e operacións, de maneira áxil, cómoda, segura e eficaz. E todo, engade o Goberno local, coa vantaxe de permitir que esas consultas e xestións se poidan facer as 24 horas do día e dende o móbil, tableta e computador.

PUBLICIDADE