O Concello Santiago concentrará a oferta turística para as familias nunha web específica

xoves, 2 de xullo do 2020 Sonia Pena

O Concello de Santiago, a través da súa área de Turismo, informou este xoves 2 de xullo da vindeira posta en marcha dunha nova ferramenta telemática para facilitar a experiencia da cidade das familias que a visiten, permitíndolles coñecer, dende un único acubillo web, toda a oferta turística dispoñíbel para elas.
Con esta ferramenta de balde, informou o Goberno local, serán as propias empresas e entidades fornecedoras de servizos pensados para familias as que poderán cargar a súa oferta na páxina web de Turismo de Santiago, ampliando a súa capacidade de difusión, xa que a web da entidade municipal ten máis de tres millóns e medio de páxinas vistas ao ano.
O novo servizo de Turismo de Santiago estará dispoñíbel ao longo do mes de xullo. O Concello explicou que a nova ferramenta segue na liña de DispoApp e Dispotur, creadas por Turismo de Santiago para facilitar información en tempo real para turistas e visitantes na web do dito departamento local.
DispoApp, creada en 2016, permite coñecer en tempo real a oferta de habitacións dispoñíbel en Santiago no mesmo día. Pola súa banda, Dispotur, que naceu en 2017, permite a súa vez coñecer a oferta de actividades para turistas. Entre ambas sumaron preto de 100.000 páxinas vistas no 2019.

PUBLICIDADE