O Commodore 64 volve como un PC integrado nun teclado

mércores, 6 de abril do 2011 Marcus Fernández

O ano pasado anunciaron que estaban a preparar un ordenador todo-en-un coa aparencia externa dun Commodore 64, e finalmente xa poden encargarse os novos equipos Commodore 64 en configuracións que van dende 250 a 895 dólares, incorporando un disco de instalación do sistema operativo Ubuntu 10.04 LTS coa curiosidade de que no menú de inicio do equipo existirá a posibilidade de arrancar directamente un emulador do clásico Commodore 64, para poder gozar dos vellos programas e xogos para o Commodore OS 1.0.
O novo Commodore 64 é un PC totalmente funcional, que parte da seguinte configuracion: placa base mini-ITX, procesador de dobre núcleo Intel Atom D525 a 1,8 GHz, gráfica nVIDIA ION2 con 512 Mb, 1 conector PS2, saídas HDMI, DVI-D e VGA, 4 portos USB 2.0, Gigabit Ethernet, 2 Gb de memoria RAM e disco duro de 160 Gb. O seu modelo máis completo terá 4 Gb de RAM, 1 Tb de disco duro, Wi-Fi N, Bluetooth e Blu-ray.
Estes novos equipos recuperan o espírito dos ordenadores persoais que estaban de moda na segunda metade dos anos 80 (que conectábanse ao televisor a xeito de monitor), polo que foxen do actual concepto de todo-en-un integrado no monitor para facer o propio co teclado, dando lugar a uns equipos ideais para conectar ao televisor do salón como reprodutor multimedia ou como un orixinal método de acceso á Rede.

O novo Commodore 64 integra distintas saídas de vídeo, 4 portos USB 2.0 e lectores de tarxetas de memoria

PUBLICIDADE