O Colexio Manuel Peleteiro recibe o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino do CPEIG
xoves, 22 de maio do 2025
- Javier Pérez Aznar e Antonio Rial Boubeta, profesor de Psicoloxía da USC na conferencia deste mes de maio no Colexio Peleteiro
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai conceder o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino ao Colexio Manuel Peleteiro de Santiago polo seu Plan de Benestar Dixital. Será entregado, coma os restantes galardóns anuais do CPEIG, no marco da Noite da Enxeñaría en Informática, que se celebra en Santiago o 27 de xuño.
A distinción ten a súa orixe na posta en marcha este curso (no Colexio Manuel Peleteiro) do Plan de Benestar Dixital: Saúde, convivencia e desenvolvemento persoal, coa colaboración da Asociación de Madres y Padres de Alumnos (AMPAP) e do profesor de Psicoloxía da Universidade de Santiago (USC), Antonio Rial Boubeta. Segundo o director do centro de ensino, Luis Peleteiro, o uso das pantallas na infancia e na adolescencia é un tema que ven suscitando unha crecente preocupación social a diferentes niveis, dado o impacto que pode ter tanto a nivel de saúde (física e mental), como de convivencia e desenrolo persoal. “O acceso temperán aos dispositivos dixitais e ás redes sociais, o seu uso frecuente, intensivo e sen supervisión, deu lugar a novas formas de adicción que segundo a propia OMS constitúen xa un serio problema de saúde pública”, sinala.
Esta problemática non pasou desapercibida nin para a dirección do Colexio Manuel Peleteiro nin para a súa AMPAP. Máis alá dos logros alcanzados a nivel académico, que o levan a situarse ano tras ano como o mellor colexio de España segundo a clasificación de El Mundo, ou a dispoñer do selo de Excelencia EFQM, os seus responsables amósanse convencidos de que a día de hoxe aspirar á excelencia implica necesariamente a “promoción eficaz dun uso saudable, seguro e responsable da tecnoloxía”, para o que deseñaron esta iniciativa innovadora e pioneira en Galicia.
- Lluis Ballester na súa conferencia do pasado mes de marzo
Afastados por igual de actitudes alarmistas e negacionistas, desde un enfoque de dereitos como o que promove UNICEF, o Colexio Manuel Peleteiro comprométese cun uso equilibrado e responsable da tecnoloxía, desde o consenso e o compromiso de toda a comunidade educativa (profesorado, equipos directivos, alumnado e familias). “O proxecto deu a posibilidade de reinterpretar o problema que hoxe en día existe coa tecnoloxía, non tanto en clave de alarma social, senón de oportunidade e compromiso coa mellora da educación e a saúde do alumnado”, sinalou o CPEIG, salientando que “os obxectivos do proxecto céntranse en promover o bo uso e aproveitamento da tecnoloxía entre o alumnado; minimizar o posible impacto negativo que puidera derivarse dun mal uso dos dispositivos dixitais; e promover a saúde dixital, a ciberseguridade e a ciberconvivencia na infancia e na adolescencia”. A iniciativa promove ademais un enfoque integral para contribuír á mellora da convivencia escolar, e a protexer a saúde mental e o benestar do alumnado, favorecendo o seu desenvolvemento académico e persoal.
- Javier Pérez Aznar nunha charla desenvolvida a principios de maio
Dentro da súa programación, estanse a organizar accións para o profesorado, alumnado e familias. Desenvólvese un plan de formación específico para o profesorado; un plan de prevención familiar; e un programa de prevención escolar para o alumnado de 1º e 2º da ESO e un plan de acción titorial para todos os niveis educativos. “É esencial que as familias coñezan as ameazas, para poder acompañar aos seus fillos e crear unha contorna dixital segura. O profesorado tamén precisa unha formación axeitada, tanto para integrar eficazmente a tecnoloxía na súa práctica docente, como para promover entre o seu alumnado un uso saudable, seguro e responsable dos dispositivos dixitais. Todo a través da colaboración e comunicación de toda a comunidade educativa para abordar de maneira integral os desafíos da tecnoloxía”, apunta Luis Peleteiro.
Desde o seu inicio no mes de outubro, impartíronse diferentes cursos e charlas-coloquio a cargo da responsable do Plan Dixital Familiar da Asociación Española de Pediatría, María Salmerón; do psiquiatra e IP do programa YAM para a prevención do suicidio, Alejandro García; do profesor da Universitat de les Illes Balears Lluís Ballester; ou do coordinador do programa TEI, Javier Pérez; entre outras.
O director do Colexio, Luis Peleteiro, recollerá o galardón na XVII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar o traballo desenvolvido por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da Sociedade da Información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.