O Clúster e AGASOL xuntan forzas a prol do noso sector TIC

martes, 16 de decembro do 2014 Redacción

JPEG - 199.9 KB
O presidente de AGASOL e o seu homólogo do Clúster TIC na formalización do pacto celebrada este martes

Obxectivo: o medre e fortalecemento das nosas empresas do eido tecnolóxico-dixital. Esta é base, a razón de ser, do importante acordo asinado este 16 de decembro entre o Clúster TIC Galicia e a Asociación de Empresas de Software Libre (AGASOL), unha alianza feita á medida “da mellora da competitividade e ao crecemento do hipersector galego das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC)”. Así definiron este achegamento e esta suma de forzas os presidentes de ámbalas entidades, Antonio Rodríguez del Corral, e Xavier Castaño García, respectivamente. Trátase dun convenio de duración indefinida que prevé a converxencia de actividades e o desenvolvemento de sinerxias.
En virtude do acordo, AGASOL e o Clúster pasarán “a traballar de forma integrada e coordinada, como se dunha soa organización se tratase, e falarán cunha voz única a nivel institucional, asumindo o Clúster a representatividade no sector de ambas as dúas entidades”. Ademais, esta última plataforma galega creará no seu seo interno un grupo de interese de software libre, así como un voceiro para esta materia, que participará nas reunións do seu Comité de Dirección. Os socios de AGASOL pasarán de xeito automático a selo tamén do Clúster.
Segundo engadiron del Corral e Castaño, “AGASOL manterá a súa xeración de proxectos e actividades, que se fará no seo da estrutura do Clúster e de forma aberta a todos os asociados”. Unha comisión paritaria de seguimento traballará polo bo desenvolvemento do convenio.
Antonio Rodríguez del Corral fixo saber que a sinatura do convenio supón “un importante avance cara a establecer marcos de colaboración entre as entidades do sector que axuden ás empresas a desenvolver produtos e servizos innovadores e con capacidade para aproveitar as oportunidades que ofrecen os mercados”. E engadiu: “Para o Clúster e para os clientes dos seus socios é importante contar coa experiencia de AGASOL, porque cada vez mais proxectos de cliente, de electrónica ou no ámbito das Cidades Dixitais ou dos centros de procesamento de datos execútanse total ou parcialmente en software libre”.
Pola súa banda, Xavier Castaño García describiu o convenio como un paso adiante para a entidade, “xa que abre as portas a consolidar o peso específico que a programación aberta e ten no sector TIC galego”. Asemade -sinalou Castaño- abre unha canle de estreita colaboración “co resto do sector que esperamos axude a facer crecer a implantación e o desenvolvemento de software libre en Galicia".

PUBLICIDADE