O Clúster de Turismo presenta en Sanxenxo a súa campaña de presumidores en liña de Galicia

mércores, 9 de agosto do 2017 Redacción

O Clúster de Turismo de Galicia presentou hoxe en Sanxenxo a súa campaña Ruta Presume de Galicia. No acto, no que participou Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, fíxose fincapé no obxectivo principal da iniciativa: visualizar ante o mundo o noso potencial e facelo, a plena operatividade, a través das novas tecnoloxías da información e os internautas-viaxeiros-visitantes. A campaña foi inaugurada de xeito oficial no paseo de Silgar, en Sanxenxo, despois de ter pasado por A Coruña, Foz, Padrón ou Santiago. A metodoloxía desta iniciativa, que impulsa o sector turístico galego, é converter aos viaxeiros en presumidores nas redes sociais e na páxina web www.presumedegalicia.com.
Dese xeito, a iniciativa apóiase nunha fronte colectiva (o sector empresarial galego representado no Clúster, as administracións, os viaxeiros, os internautas) para impulsar un reto común: contribuír a reforzar a marca Galicia como destino turístico. Segundo fixo saber Nava Castro, este obxectivo é compartido polo Goberno galego e está plasmado na Estratexia do turismo de Galicia 2020. “Este documento”, sinalou, “é a folla de ruta que a Xunta e o sector privado deseñaron para acompañar o medre sustentábel de viaxeiros que Galicia está a vivir”.
Volvendo á campaña co Clúster, ten a súa orixe no ano pasado, por estas datas, na presentación da campaña Presume de Galicia, da súa páxina web e da súa aplicación, novidades das que falamos polo miúdo en Código Cero. Segundo sinalabamos daquela, a iniciativa márcase o desafío de amosar (ante o mundo) a nosa terra “a partir das achegas de centenares de experiencias en primeira persoa de galegos e visitantes”. De feito, o gran alicerce da iniciativa web é a firme crenza nas posibilidades comunicativas de nós mesmos: todas e todos podemos contribuír a visualizar e potenciar a “enorme riqueza turística que atesoura a Galicia”, sinalaba daquela o Clúster. Por certo que a intención non era (e non é) só implicar ás galegas e aos galegos, senón tamén ás/os visitantes, co fin de convertelos en superpresumidores de Galicia.

PUBLICIDADE