O Clúster avanza no plan director da industria TIC coa redacción dun informe da diagnose e previsións
venres, 26 de xullo do 2024
O Clúster TIC Galicia segue a traballar no deseño do Plan Director da industria das TIC pasando á segunda fase do proxecto, que está a elaborar en colaboración coa Secretaría Xeral de Industria, dependente da Consellería de Economía e Industria da Xunta. Nesta nova etapa, contémplase a definición e priorización das tarefas de actuación, así como a redacción dun informe coa diagnose, desafíos e perspectivas de futuro do sector tecnolóxico galego.
Estes novos pasos prodúcense despois de que se presentasen na asemblea xeral ordinaria celebrada o pasado 27 de xuño as suxestións e opinións das empresas socias a través do grupo de traballo Plan Director, creado expresamente pola entidade para realizar as achegas precisas no deseño deste mecanismo de planificación.
O Plan Director das TIC contará así con medidas, mecanismos e os medios necesarios para fortalecer o sector, mellorar a competitividade, fomentar a súa internacionalización e sustentabilidade, impulsar a innovación industrial, incrementar o emprego industrial e estimular a captación de investimento.
Segundo lembra o Clúster, o sector tecnolóxico é considerado “estratéxico” pola Xunta, xunto coa industria metalmecánica, a automoción, a construción naval, o sector forestal-madeira, e a loxística industrial, para os que o Goberno autonómico tamén está a redactar plans directores. Estes documentos, xunto co Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, pretenden servir de guía para a planificación da política industrial da Administración autonómica e están enmarcados nunha estratexia global que ten como obxectivo facilitar o proceso de adaptación e transformación enerxética e dixital da industria galega.
Enquisa para a elaboración do novo Plan Formativo
Por outra banda, o Clúster TIC Galicia está a recoller as necesidades de capacitación dos seus asociados de cara a elaboración do novo Plan Formativo da agrupación empresarial, que se desenvolverá dende o 1 de setembro de 2024 ata o 31 de marzo de 2025. Estas accións enmárcanse no convenio que a entidade prevé asinar coa Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego nas vindeiras semanas, a través do cal financiouse o Plan Formativo do Clúster TIC de 2022, 2023 e 2024. O obxectivo deste programa é “realizar accións formativas de cualificación e recualificación da poboación activa para cubrir a demanda de talento tecnolóxico que experimenta o sector”.
Co fin de atender a máxima cantidade de propostas e achegas, o Clúster puxo a disposición das empresas socias un formulario deseñado para recoller a seguinte información: plans propios de formación organizados integramente polas entidades socias para os seus traballadores ou persoas activas alleas a súa organización (terán prioridade os cursos dirixidos a traballadores de empresas socias, mentres que os restantes valoraranse en función do crédito dispoñíbel); agregar alumnos a cursos organizados polo Clúster TIC Galicia; e ofrecer docentes para formacións realizadas pola asociación.
O prazo para enviar as necesidades remata o 31 de xullo de 2024.
Para a execución do programa formativo, e no caso de que os fondos sexan inferiores á demanda, daránselle prioridade ás peticións das firmas que presentaron as súas preferencias a través deste formulario.