O Clúster TIC envorcará esforzos en dixitalizar o noso sector turístico

mércores, 15 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

O sector turístico galego vai voar alto coa axuda das novas tecnoloxías e dos novos servizos dixitais desenvolvidos aquí. Así o fixeron saber o Clúster TIC e o Clúster Turismo de Galicia, que veñen de formalizar un acordo de cooperación para traballar a prol da competitividade do sector turístico: avanzar en sinerxías e coa vista posta na colaboración e na aposta polas TIC como “valores fundamentais” para as empresas do dito sector.
Segundo fixo saber na sinatura do acordo o presidente do Clúster do Turismo de Galicia (CTG), Cesáreo Pardal, “a cooperación está no noso ADN como clústeres e por iso debemos traballar para impulsar proxectos que sexan de proveito para as empresas do sector TIC e do turismo, especialmente no contexto actual no que as novas tecnoloxías impregnan o desenvolvemento dun sector tan competitivo e cambiante como o noso”. O convenio foi formalizado na Cidade da Cultura e na compaña do tesoureiro do Clúster TIC, Gerardo José García Alvela.
Segundo engadiron, a sinatura deste protocolo supón “un paso máis no traballo conxunto entre ambas as entidades”, que xa xuntaron forzas para o desenvolvemento de actividades ao redor das novas tecnoloxías e o sector turístico. “A actividade do sector TIC”, engadiron, ten un impacto moi claro no sector turístico, especialmente no que se refire á competitividade, á comercialización e á forma en que os visitantes experimentan a súa visita a Galicia”.
O presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corral, recalcou a importancia da dixitalización do devandito sector: “Os usuarios demandan no seu lecer e nas súas actividades turísticas a accesibilidade e a axilidade coa que contan noutros ámbitos da súa vida. Isto xera un amplo abano de posibilidades de novo negocio que aínda non foron explotadas e que contribuirá a potenciar a innovación dun dos sectores clave para a economía de Galicia”.
Nun plano máis concreto, a cooperación entre ambas as entidades permitirá avanzar en até 17 accións establecidas na Estratexia do Turismo de Galicia 2020 como poden ser na mellora do coñecemento do perfil do turista a través da análise de información a gran escala (Big Data), a posta en marcha de programas informáticos para a formación ou a toma de decisións empresariais, o impulso do smart turismo, o desenvolvemento de aplicacións móbiles, a elaboración de estudos de mobilidade en colaboración coa AMTEGA, o avance nas oficinas de información turística ou o impulso cara á excelencia en materia de comercialización ou promoción do sector coa recollida de datos sobre os viaxeiros, captando información sobre eles e traballando na súa captación e na fidelidade aos nosos destinos.
O presidente do CTG tamén salientou que a sinatura deste protocolo supón tamén a fixación de xuntanzas periódicas de networking e innovación que permitan ás empresas do sector turístico exporlles aos asociados do Clúster TIC as súas necesidades, requisitos e obxectivos de competitividade, mentres que as empresas tecnolóxicas elaborarán proxectos que respondan a estas demandas.

PUBLICIDADE