O Clúster TIC abre o prazo para participar en Capital Network 2015

xoves, 25 de xuño do 2015 Redacción

O Clúster TIC Galicia vén de abrir o prazo para presentar proxectos á edición 2015 do CCN | Clúster TIC Capital Network, iniciativa para facilitar o coñecemento e contacto entre emprendedores TIC e investidores privados e que constitúe, en palabras da plataforma empresarial, “unha oportunidade para dar apoio á creación e ao medre de empresas de base tecnolóxica en Galicia”. Desta volta, a iniciativa dará acubillo a unha xornada de achado de novos proxectos empresariais na que as startups participantes poderán presentar ante investidores privados as súas ideas de negocio.
Segundo informa o Clúster sobre o procedemento de aprobación de propostas, “dado que as prazas para a xornada son limitadas, os proxectos empresariais que amosen interese en participar na iniciativa pasarán un sinxelo filtro para escoller as iniciativas que se adapten ás características e as posibilidades de financiamento dos investidores privados asistentes”. De especial interese son os proxectos xurdidos nos grupos de investigación das universidades que conten con patentes ou con propiedade intelectual rexistrada, engade a plataforma, que explica que os proxectos que superen o devandito filtro participarán na xornada final de presentación ante os investidores co obxectivo de acadar o financiamento preciso que lles permita sacar adiante a súa idea de negocio.
O Clúster tamén lembra que o pasado mes de novembro constituíse o Club de Investidores no que participan, até o de agora, oito empresas socias que son Altia Consultores, Bahía Software, Clictic, Imatia Innovation, Grupo Itelsis, JDLV Inversores, Plexus e R; e que asumiron o compromiso de investir, cada un, un mínimo anual de 50.000€ en startups galegas baseadas nas TIC. Ademais de apoio financeiro, o Club fornece asesoramento en áreas técnicas e de xestión aos proxectos empresariais incipientes. O primeiro investimento da alianza fíxose o pasado mes de maio no proxecto empresarial Centum Research & Technology, compañía especializada no deseño, desenvolvemento e comercialización de sistemas aeronáuticos de misión, tanto para plataformas aeronáuticas tripuladas como drons, que se dirixen principalmente a operacións no ámbito das emerxencias e a seguridade.
As startups seleccionadas, como dixemos, participarán na xornada de descubrimento de proxectos que se celebrará na última semana de xullo, na que terán a ocasión de facer unha presentación individual da súa idea de negocio ante o Club de Investidores do Clúster TIC Galicia así coma outros investidores públicos e privados invitados. A xornada está co-financiada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) a través da convocatoria 2015 de Axudas para Proxectos de Iniciativas Abertas de Difusión co-financiadas polo Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo FSE Galicia.

PUBLICIDADE