O Clúster TIC Galicia colaborará co Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía
venres, 31 de xaneiro do 2020
Un
equipo de empresas e entidades do Cluster
TIC Galicia (formado por Dos Espacios, Imatia, Estrelia, Cinfo,
Itelsis e o CPEIG) visitaron o Laboratorio
Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL) en Braga, onde
coñeceron os diferentes recursos que se desenvolven e materializan
nesta relevante e prestixiosa infraestrutura científica, cun forte
compoñente tecnolóxico-dixital. Segundo nos conta o Clúster, a
estadía da expedición galega no laboratorio hispano-luso foi unha
experiencia de beneficio para todas as partes, xa que favoreceu o
coñecemento mutuo e permitiu, tamén, sentar os alicerces para
futuras colaboracións (por exemplo o desenvolvemento de servizos
galego-portugueses que impulsen a innovación exponencial na
industria e na sociedade).
A
nanotecnoloxía e algunhas das súas principais vertentes actuais
(nanosensórica, nanoelectrónica, nanorrobótica, nanofotónica ou
nanomedicina) constitúen a base de boa parte do traballo xerado polo
INL, iniciativas que, en palabras do Clúster, “están a xerar unha
revolución sen precedentes na calidade de vida, na competitividade e
na produtividade empresarial”.
Respecto
das iniciativas conxuntas futuras, o Clúster TIC adiantou que
traballará co INL para “impulsar en Galicia a innovación
exponencial e innovadora combinando diferentes áreas de coñecemento
e tecnoloxías”.
O
INL é unha Organización Intergobernamental participada polos
Gobernos de España e Portugal, que, segundo engade o Clúster,
“coloca á Eurorrexión no mapa de investigación internacional en
sectores punteiros como a nanotecnoloxía, a biotecnoloxía ou as
TIC”.