O Cluster Audiovisual lanza publicación para lucir talento galego: Díxome Díxome

martes, 23 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Hoxe presentouse no espazo de innovación gastronómica La Galiciana de Santiago unha proposta de comunicación igualmente innovadora: a revista Díxome Díxome que lanza o Clúster Audiovisual Galego co obxectivo de facer ver o noso talento en todos os recantos da nosa terra. Na cita, na que se xuntou unha manchea de representantes do sector e medios de comunicación, participaron o presidente do Clúster e o vicepresidente de Estratexias de Comunicación, Jorge Algora e Miguel Conde, que estiveron acompañados da editora da revista, Mar Delgado
No acto fixeron saber que se trata dunha publicación moi coidada, moi visual e que responde a unha demanda do sector que vén de antigo. Tamén se fixo fincapé en que a versión en papel, para ver, tocar e ler, compleméntase cunha versión dixital dispoñíbel na web do Clúster, e máis co envío da revista en formato dixital a case 40.000 empresas.
Durante a súa intervención, Jorge Algora, quen abriu o acto, presentou a publicación como “un proxecto común para todo o audiovisual” e puxo de manifesto “a importancia de contarmos cun espazo de noso que dea acubillo a todo o audiovisual galego.
Pola súa banda, Miguel Conde amosouse convencido da relevancia desta iniciativa editorial que xorde grazas ao empeño do Clúster Audiovisual Galego. “Temos que axudar a que se consolide o audiovisual galego, que xa ten moito prestixio, e Díxome Díxome nace desa idea”, explicou, engadindo que a revista contará “o que se está cociñando na nosa industria, proxectos como unha rodaxe, que poden ter interese para o público”, indicou.
Conde tamén explicou que “a revista será a bandeira que nos una, que una a todo o sector, para lograr que se consuma máis audiovisual galego”.
Para Mar Delgado, a publicación é un “valor engadido que non só potencia a comunicación entre o sector, tamén abre unha xanela para que a sociedade en xeral coñeza mellor o mundo audiovisual galego”. Mar Delgado engadiu que a revista, que polo de agora será de periodicidade trimestral, xorde coa arela de ser unha publicación que reflicta o traballo do sector, os proxectos presentes e futuros, e tamén de ofrecerlle ao lector información útil. De aí, da necesidade de transmitir espírito innovador, amais de proximidade e utilidade, xurdiu a crenza compartida de que o máis conveniente sería o gran formato para a feitura externa de Díxome Díxome. “Queríamos que fose unha revista de gran tamaño porque o noso audiovisual precisa imaxe e fabrica imaxes, de aí que non houbese dúbida ao respecto sobre a necesidade de potenciar o elemento visual”.
A revista, que xa están en marcha dende o verán, ten seccións moi diversas que ofrecen diferentes xanelas e perspectivas da rica variedade do noso sector, buscando dar visibilidade aos proxectos e creacións dos profesionais que desenvolven o seu traballo en Galicia, e dando cabida a iniciativas de natureza múltiple como información, formación ou innovación, converténdose “nun espazo informativo e de lecer”, pero tamén en “mesa de debate recollendo os temas de actualidade que afectan ao audiovisual”.
O primeiro número está dispoñíbel na súa versión en liña na páxina web do Clúster Audiovisual Galego:

PUBLICIDADE