O Clúster Audiovisual Galego lidera un proxecto baseado en Intelixencia Artificial: MEDRETIA

luns, 28 de novembro do 2022 S. P.

Facer avanzar a presenza da Intelixencia Artificial no sector audiovisual galego, co obxectivo de mellorar a súa capacidade de ofrecer ao mercado o que este demanda. Este é un dos grandes obxectivos do proxecto colaborativo MEDRETIA, impulsado polo Clúster Audiovisual Galego botando man de técnicas de IA, que ten o obxectivo de “desenvolver predicións a partir de datos multisectoriais, e determinar un sistema intelixente para a predición de éxito (audiovisual) e vendas (téxtil) dos produtos monitorizados permitíndolles ás empresas adiantarse ás necesidades do mercado en base aos datos históricos de tempadas anteriores”.
O Clúster desenvolve o proxecto MEDRETIA en colaboración coas empresas Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG), Duacode e Selmark, o centro tecnolóxico Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Asociación para a Dixitalización da Industria de Galicia, Galicia Dixital.
Segundo explican, MEDRETIA ten o seu antecedente nos resultados do estudio de viabilidade liderado polo Clúster AudienceLab Big Data, financiado pola convocatoria 2018-19 de axudas de apoio a agrupacións empresariais innovadoras, para a construción dun piloto que permitira medir o consumo audiovisual da mocidade nas novas plataformas. Fontes do Clúster aclaran que o resultado do estudo de viabilidade desembocou en “información de gran utilidade para as empresas do consorcio que desenvolveu o proxecto”, permitindo “incrementar o valor de cada produción audiovisual xerada polas produtoras e empresas de creación de contidos audiovisuais con datos ata ese momento de difícil acceso”.
O proxecto MEDRETIA conta con financiamento do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través do programa de apoio a Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) para contribuír á mellora da competitividade da industria española, resultando beneficiario, na súa segunda convocatoria do año 2022, dunha axuda de 141.084 euros.

PUBLICIDADE