O Club da Ciencia xa está integrado por 119 centros docentes

luns, 2 de decembro do 2019 Redacción

O Club da Ciencia, un dos piares da divulgación STEM da Consellería de Educación, suma e segue. Hoxe o departamento que dirixe Carmen Pomar deu a coñecer que a cifra total de centros públicos de toda a nosa xeografía adheridos á dita comunidade é de 119, logo das 30 recentes incorporacións neste curso 2019-2020. Estes e outros datos foron dados a coñecer pola conselleira durante unha visita ao IES Luís Seoane de Pontevedra, que é un dos que se estrea neste programa. O obxectivo do Club da Ciencia é facer que voe o espírito científico e o talento que toda a nosa comunidade de estudantes atesoura. Ponse o foco, novamente, nas siglas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
Por provincias, os Club de Ciencia desenvólvese xa en 55 centros da Coruña (12 de nova incorporación), 13 de Lugo (3 acabados de incorporar), outros 13 de Ourense (4 adheridos este curso) e 38 de Pontevedra (11 de nova incorporación), tal como queda recollido na resolución definitiva que pode consultarse no Portal educativo.
Os clubs, para os cales a Consellería destina 1.250 euros para cada centro, nacen como “un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan dar resposta ás súas curiosidades e aos seus intereses e resolver problemas”.
Este é o cuarto ano consecutivo no que se pon en marcha esta iniciativa, que arrancou como experiencia piloto no curso 2016/17 con 9 centros, un número que se foi incrementando desde entón.
O proxecto desenvólvese fóra do horario lectivo e nos espazos que se consideren ou habiliten do centro docente.

PUBLICIDADE