O CiTIUS organiza na G-Night unha carreira de Scalextric con Intelixencia Artificial
venres, 23 de setembro do 2022
A
Noite
Europea das Persoas Investigadoras, o evento internacional G-Night,
desenvolverase o venres 30 nas cidades galegas baixo o lema
Conciencias creativas. O
obxectivo non é outro que levar a ciencia ás rúas, tirando
abaixo muros de comunicación e aproximación. No caso da USC,
organizaranse ducias de obradoiros de divulgación científica e
relatorios diversos. Estes ateigarán o claustro do Colexio de
Fonseca en Compostela, así como o Vello Cárcere de Lugo. Entre as
actividades programadas non se exclúe o carácter máis lúdico da
divulgación: haberá, por exemplo, unha duelo de coches de
carreiras, un deles equipado con Intelixencia Artificial e o outro
controlado polas persoas participantes no obradoiro coa axuda dun
condutor. Organiza o CiTIUS.
Santiago
Os
centros de investigación da USC en Medicina Molecular e Enfermidades
Crónicas (CiMUS), en Química Biolóxica e Materiais Moleculares
(CiQUS), Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), o Instituto Galego de
Física de Altas Enerxías (IGFAE), e o Centro Interdisciplinario de
Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), ocuparán xunto
co Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), no que
tamén participa a Universidade, o rol central da Gnight compostelá.
O conxunto de actividades terá lugar a partir das 18.00 horas no
Claustro de Fonseca, agás os relatorios impulsados polo Centro de
Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), do que
a USC é integrante, que se celebrarán no Salón de Graos do Colexio
San Xerome.
O
CiMUS impulsa os obradoiros Biotecnoloxía na cociña
no que se extraerá ADN utilizando utensilios que se poden atopar
facilmente nunha cociña; e o taller Fabrica o teu propio
anticorpo no que as persoas participantes poderán construír o
seu propio anticorpo e levalo consigo. No obradoiro Gastronomía
molecular do CiQUS aplicarase a ciencia á cociña tradicional,
investigando as transformacións químicas e físicas que acontecen
nos ingredientes durante a preparación dos alimentos. Neste taller
trocarase o seu aspecto físico sen modificar o sabor.
Polo
que se refire ao CiTIUS, será o responsábel da actividade
divulgativo-participativa Scalextric-IA que consistirá nunha
carreira entre dous coches, un deles equipado con Intelixencia
Artificial e o outro controlado polas persoas participantes no
obradoiro coa axuda dun condutor. Pola súa banda, NL4XAI
mostrará como as máquinas intelixentes apoiadas pola Intelixencia
Artificial poden axudar a tomar decisións informadas en situacións
cotiás. Ademais, as persoas participantes neste obradoiro do CiTIUS
poderán desafiar a máquina sobre as súas decisións preguntando o
porqué (ou o porqué non) de son correctas ou incorrectas. Pola súa
parte, o taller Menelaos consistirá en cámaras que captan
imaxes en 3D e de maneira similar ao cerebro; mentres que MISEL
baséase no procesamento bioinspirado de imaxes con baixo consumo de
potencia e tecnoloxías de vangarda.
O
IGFAE, pola súa parte, achega a actividade Descubrindo a
radiación: os raios cósmicos no que utilizando dous tipos de
detectores, poderanse visualizar as partículas que chegan dende o
espazo e bombardean constantemente a Terra dende todas as direccións.
Métodos
de oxidación avanzada con nanopartículas magnéticas é un dos
obradoiros do CRETUS que consistirá nunha demostración que
empregará como método representativo dos métodos de oxidación
avanzada un sistema foto-Fenton, simulando, con tinguiduras, a
eliminación de microcontaminantes en augas empregando nanopartículas
con propiedades magnéticas.
Produción
de biopolímeros a partir de residuos graxos, tamén do CRETUS,
servirá para amosar como un reactor para tratar auga residual
permite a recuperación de bioplásticos. Finalmente, este mesmo
centro singular é o responsábel dos obradoiros Cálculo da
pegada de carbono e hídrica dos alimentos e Uso de
disolventes eutécticos para a recuperación de coláxeno dos
residuos de peixe.
Pola
súa parte, o CITMAga impulsa o ciclo de relatorios Matemáticas
para a Terra, o mar e la vida; mentres que o IDIS organiza os
obradoiros Mundos microscópicos e Impresión 3D, do
laboratorio ao doente.
Lugo
O
grupo de Innovación Docente da USC XuvenCiencia e a Asociación de
Investigador@s AgroMar do Campus Terra converterán o 30 de setembro
O Vello Cárcere de Lugo nunha sorte de laboratorio vivo no que se
desenvolverán 17 obradoiros gratuítos de experimentación e tres
charlas de divulgación científica orientadas a público de todas as
idades co gallo da celebración da G-Night. Esta celebración recala
na cidade amurallada por segunda vez co obxectivo de dar a coñecer o
traballo desenvolvido pola comunidade científica, ademais de poñer
en valor a importancia deste labor para a sociedade.
O
programa de actividades desenvolverase en quenda de tarde, de 18.00 a
22.00 horas, e inclúe actividades para todos os públicos en función
da súa idade. As persoas interesadas en participar en calquera das
sesións previstas xa pode formalizar a súa inscrición de balde nas
instalacións do Vello Cárcere ou tamén a través do número de
teléfono 982 297 195.
O
público máis cativo atopará na G-Night unha boa oportunidade para
achegarse á ciencia a través do obradoiro Xogando a aprender!,
así como das sesión de demostración Trichinella, o verme que
veu cear, Os inimigos microscópicos, O lado amargo do
azucre, Que esconde a auga?, Doutor, que lle ocorre á
miña vaca? ou O peixe cebra como modelo animal. Alén
destas actividades expositivas abertas a todo o público tamén
haberá outras dirixidas a grupos de máis idade sobre impresión 3D,
fotosíntese artificial, Realidade Aumentada, árbores en tubos de
ensaio ou hardware de baixo custo e código aberto para control
medioambiental.
Á
par da celebración destas sesións demostrativas, as instalacións
do Vello Cárcere acubillarán tamén os obradoiros participativos de
temática específica Dío con luz: comunicación con fibra
óptica, O que agochan as células, O solo que pisamos,
Canta proteína ten? ou A luz – regra do nanouniverso.
O
programa deste evento científico complétase con tres charlas
divulgativas: A análise sensorial: unha disciplina científica
con moito miolo, Xenética de vangarda aplicada á saúde,
mellora e conservación de recursos biolóxicos e Esqueletos á
escena.