O CiTIUS impulsará dispositivos intelixentes con capacidade para detectar todo tipo de riscos na nosa contorna

martes, 26 de xaneiro do 2021 S. P.

O investigador do CiTIUS da Universidade de Santiago Víctor Brea

O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC) participa como socio no proxecto MISEL (Multispectral Intelligent Vision System with Embedded Low-Power Neural Computing), un novo consorcio europeo financiado con 5 millóns de euros no marco do programa FET-PROACT - Horizon 2020. Ao abeiro da iniciativa, coordinada en España polo investigador galego Víctor Brea (CiTiUS) e liderada polo instituto finés VTT, créanse novos dispositivos autónomos de visión con Intelixencia Artificial incorporada.
Segundo explica o centro da USC, o proxecto MISEL nace co propósito de “levar a Intelixencia Artificial (IA) á computación no bordo”. Dito doutro xeito: do que se trata é de permitir que as decisións tomadas polos sistemas intelixentes poidan realizarse sobre os propios dispositivos, “sen necesidade de complexos sistemas externos de procesamento ou computación na nube”.
Así, os dispositivos impulsados dende MISEL serán quen de resolver problemas de identificación de obxectos e accións en vídeo, incluíndo operacións como detectar anomalías, riscos potenciais e infraccións (por exemplo localizar coches en zonas peonís, drons en proximidades de aeroportos ou animais nas estradas, ou ben saber diferenciar drons de paxaros, entre outras aplicacións).
O froito final do traballo será unha tecnoloxía específica, con feitura de cámara multiespectral, que integre e reúna todas as devanditas características e funcionalidades.
O proxecto recibiu un financiamento de ao redor de 4,96 millóns de euros da Unión Europea (Horizonte 2020), dos cales 653.000 cubrirán a parte correspondente ao CiTIUS.
Tres engrenaxes clave
En palabras do investigador Víctor Brea, “trátase dunha ambiciosa iniciativa fundamentada sobre tres eixos”.
O primeiro reside no nivel de dispositivo, “porque imos deseñar e fabricar integramente un modelo específico de cámara multiespectral, con sensores de puntos cuánticos”. Ademais, este dispositivo “contará tamén con memorias ferroeléctricas de propósito específico para o almacenamento dos datos, creadas igualmente polos socios de MISEL”, explica.
O segundo eixo é a rede de circuítos: “Cando capturemos as imaxes, procesaremos eses sinais mediante redes neuronais espazo-temporais, como paso previo á toma de decisións”. Neste punto radica outras das singularidades de MISEL: “É importante destacar que nosas cámaras procesarán información pura, porque non traballarán con imaxes convencionais senón con eventos, ou o que é o mesmo: con situacións concretas que o sistema extraerá automaticamente”.
Brea sinala as vantaxes dos eventos sobre as imaxes convencionais: “Ao traballar directamente con eventos conseguimos un maior rango dinámico”, ou sexa meirande capacidade para capturar escenas pouco iluminadas, e tamén “menos latencia”, algo “crucial”, sostén, “para permitir que o procesado sexa a maior velocidade”.
Finalmente, a terceira e última parte clave do proxecto é o deseño de redes neuronais espazo-temporais específicas, adaptadas ao pequeno espazo do que dispoñen na cámara multiespectral, cun hardware limitado: “O reto é crear un circuíto integrado de pequeno peso, pequeno tamaño e, sobre todo, baixo consumo de potencia, por baixo dun watt, para aproveitar todo o posíbel a reducida capacidade de cómputo”.
Pola súa banda, Paula López, directora adxunta do CiTIUS e compañeira de Brea no Grupo de Visión Artificial do centro da Universidade de Santiago, salienta a importancia do proxecto afirmando que “este proxecto sitúanos nun escenario internacional de máxima relevancia na temática de sistemas intelixentes no bordo, concretamente no deseño de tecnoloxías intelixentes embebidas en sistemas micro e nanoelectrónicos, no que se coñece como Intelixencia Artificial das Cousas, AIoT”.
9 socios, 5 países
Ademais do CiTIUS (España) e o VTT Technical Research Centre (Finlandia), no proxecto participan tamén outras 7 institucións: AMO GmbH (Alemaña), Universidade de Wuppertal (Alemaña), Centro Fraunhofer de Nanotecnoloxía Aplicada (Alemaña), Kovilta Oy (Finlandia), Universidade de Lund (Suecia), Lodz Universidade Tecnolóxica (Polonia), e Laboratoire national de métrologie et d’’Essais (Francia).

PUBLICIDADE