O CiTIUS fortalecerá a súa presenza internacional e a súa capacidade para atraer talento

venres, 5 de xuño do 2020 Sonia Pena

Co inicio deste mes de xuño, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) presentou o seu novo plan estratéxico para os vindeiro catro anos: unha axenda de accións e obxectivos apoiada en oito eixos principais para guiar as decisións máis importantes do centro TIC de aquí até 2023. O obxectivo é seguir creando tecnoloxías relevantes para o mundo e mesmo dar novos pasos neste sentido, favorecendo ao máximo a transferencia e a transmisión de achados á sociedade.
O plan foi presentado deste xeito por Senén Barro, director científico do CiTIUS: “A nosa ambición é ser un referente internacional nun ámbito que transformará o noso mundo como ningún outro avance ou desenvolvemento tecnolóxico no pasado: o ámbito das Tecnoloxías Intelixentes”.
Segundo engade, a axenda actualiza as premisas do centro para adaptalas á “nova especialización temática en Tecnoloxías Intelixentes”, aspirando o CiTIUS a ser recoñecido como “un centro de investigación referente internacional no dito ámbito”, subministrando achados de “gran relevancia científica e impacto socioeconómico e cunha alta capacidade de formación e atracción de talento”.
74 iniciativas repartidas en 8 eixos de actuación
O CiTIUS explica que a estratexia definida no novo documento é “froito dun proceso de reflexión colectiva no seo do centro, que deu lugar a unha estrutura baseada en 8 eixos e 74 accións específicas”. Cada unha delas terá asociada, á súa vez, un prazo de execución e un número variábel de responsables, que asumirán a encomenda de levala a cabo e garantir así a súa correcta execución.
O CiTIUS acometerá ao longo dos vindeiros catro anos novas iniciativas que contribúan ao desenvolvemento do centro e á súa expansión, con especial énfase nas cuestións relacionadas co seu proceso de internacionalización, e reforzando o apoio ao seu persoal investigador.

PUBLICIDADE