O CiTIUS e Santiago participarán nun proxecto europeo a prol das cidades intelixentes

luns, 29 de xullo do 2013 Redacción

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) vén de anunciar a súa participación no proxecto PLEEC (Planning for Energy Efficient Cities), unha investigación na que participarán 13 países europeos, representados por 18 socios cunha meta común que é a mellora da eficiencia enerxética e da planificación sostible das cidades europeas. Emporiso, esta idea foi aprobada pola Comisión Europea no marco do programa FP7 (Framework Programme for Research and Technological Development) e nela participarán tamén investigadores do IIT (Instituto de Investigacións Tecnolóxicas) e os departamentos de Matemática Aplicada e Estatística da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Cómpre engadir que o proxecto PLEEC conta cun orzamento global de 4 millóns de euros, financiados polo 7º Programa Marco de I+D da Unión Europea (Framework Programme for Research and Technological Development-FP7), sendo financiado pola Unión Europea.
Así, partindo da base da metodoloxía aplicada pola Unión Europea (UE) para a clasificación das cidades intelixentes -tamén coñecidas como Smart Cities-, esta aposta centrarase en aspectos chave para o desenvolvemento das cidades, tales como: sistemas enerxéticos; redes de enerxía eléctrica, de calefacción e refrixeración ou de auga (tanto potable como augas residuais); recollida, tratamento e reciclaxe de residuos; uso da enerxía; construción de edificios, transporte eficiente ou mobilidade. Asemade, serán tamén obxecto de estudo factores a ter en conta neste novo modelo, como o exercicio de goberno ou o comportamento cidadán. A análise realizarase nas 6 cidades europeas que participan no consorcio (Estkilstuna -Suecia-; Jyväskylä/ Turku -Finlandia-; Tartu -Estonia-, Stoke-on-Trent -Reino Unido- e Santiago de Compostela -España-), e permitirá obter unha metodoloxía de planificación integrada para o desenvolvemento e a evolución das cidades, dun xeito máis eficiente e sostible. Engadir, por último, que esta metodoloxía porase a disposición do resto de cidades europeas, co obxectivo de facilitar a redución do seu impacto ambiental e avanzar así cara aos resultados do Programa Marco Horizonte 2020, fixados pola UE.

PUBLICIDADE