O CiTIUS amosou ás rapazas compostelás a importancia das profesións tecnolóxicas

venres, 14 de outubro do 2016 Redacción

JPEG - 58.7 KB
A investigadora Eva Cernadas participou nos obradoiros de divulgación

A iniciativa de divulgación Unha enxeñeira en cada cole da que falamos os outros días en Código Cero, que consistiu nun itinerario de enxeñeiras por diferentes colexios de primaria de Santiago, contou coa presenza de dúas investigadoras do centro CiTIUS, emprazado no Campus Sur e centrado no desenvolvemento avanzado de solucións e achados informáticos. Máis polo miúdo, nesta iniciativa do Concello de Santiago e a USC (destinada a fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as nenas) participaron as investigadoras do CiTIUS Paula López e Eva Cernadas.
Os obradoiros, como lembraremos, dirixíronse a visualizar e salientar o importante papel das mulleres na ciencia e a tecnoloxía, amosando o relevante (e interesante) do seu labor ao alumnado de 5º e 6º curso de Educación Primaria mediante “a presentación de temas complexos desde unha perspectiva lúdica”.
Eva Cernadas, especializada en visión por computador e recoñecemento de patróns en imaxes, introduciu ás asistentes nos conceptos básicos das imaxes dixitais (que son os megapíxeles e como se almacenan). Para isto, tirou proveito dunha presentación con debuxos e imaxes cos que tentou demostrar como afecta a resolución (o número de pixeles) na calidade dunha imaxe. Logo, explicou ás alumnas os detalles da súa profesión, salientando a relevancia de ter claro como construír programas “e non limitarnos exclusivamente ao emprego de editores de texto ou Internet”. Entre outras cousas, amosou como exemplo o software Govocitos, que permite recoñecer de forma automática obxectos na imaxe, medilos e facer un gráfico de barras dos seus tamaños.

JPEG - 26.3 KB
A investigadora Paula López

Paula López (cuxo traballo no CiTIUS abrangue o deseño de circuítos integrados para aplicacións de procesado de imaxes e o modelado físico de dispositivos electrónicos e sensores de imaxe) baseou a súa intervención nun obradoiro teórico-práctico titulado A programación é cousa de nenos. Durante o transcurso da súa intervención achegoulles aos presentes a importancia do labor de programación para o mundo no que estamos a vivir, inzado de elementos dixitais con gran potencial para mellorar a nosa comunicación e o noso xeito de producir. Para introducir aos estudantes de cheo nos segredos da programación programou unha actividade baseada na ferramenta Scratch.

PUBLICIDADE