O CiTIUS acolleu unha xornada divulgativa sobre HTML5

luns, 15 de outubro do 2012 Redacción

O centro CiTIUS acolleu a semana pasada unha xornada divulgativa sobre a linguaxe HTML5. A charla veu da man dos investigadores do propio centro da Universidade de Santiago, Alberto Bugarín e Eduardo Sánchez, que quixeron achegar un espazo de información e participación sobre os múltiples detalles de interese do devandito código web, dende a súa evolución ata as novidades actuais. A conferencia encamiñouse a estudantes do Máster en Tecnoloxías da Información (MTIN) e do Grao de Enxeñería Informática (GREI) impartidos na Universidade de Santiago de Compostela.
Os relatores da cita foron Esteban Vázquez e Antonio Varela, socios fundadores e consultores de Tesla Technologies, empresa galega especializada en deseño web HTML5 e programación JAVA. Nas súas intervencións, sinalan fontes do CiTIUS, repasaron a evolución dos estándares web, desde os seus inicios ata o actual HTML5, e comentaron as novidades que este supón á hora de facilitar o traballo dos desenvolvedores de solucións web, especialmente no tocante á orientación semántica da linguaxe. Tamén se fixeron eco das novas características multimedia, xeolocalización, almacenamento de datos en local, e as novas etiquetas entre as que destaca “”.
Asemade, trataron as posibilidades de combinar o HTML 5 con outras tecnoloxías e estándares web, como a nova especificación de follas de estilo CSS3, para a realización de webs, aplicacións e xogos.

PUBLICIDADE