O Centro de Servizos Avanzados e dúas das naves da Cidade das TIC están xa ao completo

luns, 7 de xuño do 2021 S. P.

O Clúster TIC Galicia vén de achegar novidades sobre o importante interese que está a xerar o proxecto para converter a Fábrica de Armas da Coruña nun centro de coñecemento tecnolóxico e de emprendemento: a Cidade das TIC. Segundo confirmou o Clúster, xa recibiu solicitudes formais para 17.000 m2 de superficie, dentro do proceso aberto para integrarse no primeiro edificio da Cidade das TIC, o Centro de Servizos Avanzados (CSA), que ten una capacidade de 2.500 m2.
“As peticións recibidas supoñen a ocupación total do Centro de Servizos Avanzados, a primeira das infraestruturas da Cidade das TIC que se porá en marcha, e de dúas naves”, engadiron fontes da plataforma empresarial galega, que fai saber que estes datos “demostran o gran interese do tecido empresarial TIC galego por formar parte deste parque tecnolóxico”. O Clúster prognostica que a medida que máis edificios estean dispoñíbeis e as empresas poidan planificar a súa instalación con maior precisión, “a Cidade das TIC completarase ao 100 %”.
17 entidades
Un total de dezasete entidades de toda Galicia, entre as que se atopan grandes corporacións, pemes, startups e un centro tecnolóxico, formalizaron o seu interese por estar presentes neste proxecto estratéxico para crear un polo TIC e de innovación dixital de referencia.
Concretamente, as empresas solicitantes demandaron a utilización dos medios e instalacións dos catro laboratorios que acollerá o Centro de Servizos Avanzados. Once destas compañías vincularon a súa reserva ao Laboratorio de Intelixencia Artificial (IA), que conta con elementos de demostración de sistemas reais de IA de todo tipo (imaxe, voz, recomendación…), preparación e etiquetaxe de datos para IA e aplicación en todo tipo de procesos industriais. Outras sete optan ao Laboratorio de Dispositivos Intelixentes, que dispón dunha área de fabricación e outra de nanosensores fornecida polo INL de Braga, con aplicación en todo tipo de procesos industriais de IoT.
O Laboratorio Media Lab foi escollido por outras sete empresas. Está dotado de elementos de modelado, captura e simulación de contidos para a industria, sistemas de mantemento remoto, xemelgos dixitais, mercadotecnia industrial e prototipado de produtos. Por último, unha compañía postulouse para o Laboratorio de Computación Cuántica, dirixido a proxectos de loxística complexa, análise bancario e cripto.
O Clúster engade que o CSA será “un lugar de encontro entre clientes e provedores de solucións TIC enfocado a facilitar o uso compartido de tecnoloxías e a definición de proxectos”. O CSA está xa integrado no Hub Digital, liderado polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), o Clúster Alimentario de Galicia Aclunaga e o Clúster TIC Galicia.

PUBLICIDADE