O Centro de Linguas da UDC ofrece máis de trinta cursos en liña este verán

martes, 26 de maio do 2020 Sonia Pena

O Centro de Linguas da Universidade da Coruña ten programados máis de 30 cursos de formación para este verán, unha axenda formativa histórica por varios motivos complementarios: polo importante número de accións preparadas, pola súa diversidade e porque se trata da primeira vez en que se ofrecen integramente en liña, ou sexa, polo vieiro dixital. Con esta medida, a UDC quere garantir ao seu alumnado e ao público en xeral “unha formación accesíbel e de calidade logo das dificultades derivadas da pandemia da COVID-19”.
A oferta presentada polo Centro de Linguas para os meses de xuño, xullo e agosto inclúe diversos cursos de iniciación, nivel intermedio e avanzado de inglés, francés, alemán, portugués e italiano. A proposta formativa conta tamén con cursos de reforzo para adquirir determinadas competencias nestas linguas ou para preparar exames de certificación e mais de conversa.
Unha parte deses máis de 30 cursos programados polo Centro de Linguas para este verán servirán ao alumnado para mellorar as súas presentacións tanto a nivel profesional como educativo en inglés ou para enfrontarse a unha entrevista de traballo nesta mesma lingua. Como novidade, tamén se inclúe un curso de iniciación ao alemán empresarial, un de portugués empresarial e outro de inglés no eido legal. Para máis datos cómpre visitar a web do Centro de Linguas, que ofrece cumprida sobre o programa de formación e como podemos tirar proveito del.

PUBLICIDADE