O Centro de Excelencia de Vigo acolle o día 4 de xuño unha xornada sobre innovación sistemática

venres, 31 de maio do 2013 Redacción

O Centro de Excelencia de Vigo celebrará o vindeiro 4 de xuño, a partir das 10:00 horas nas instalacións centrais do Consorcio da Zona Franca de Vigo, a xornada Innovación sistemática: Metodoloxías e Estratexias, incluída no seu Programa de Actividades en Aberto. O obxectivo da sesión é achegar a empresas e emprendedores as metodoloxías e ferramentas dispoñíbeis arestora para definir a súa estratexia innovadora, identificar o seu propio proceso de xestión da innovación e seleccionar os mecanismos apropiados para sacar o máximo rendemento ao seu traballo. A través da experiencia de empresas e entidades como Futuver (especializada en recursos e desenvolvementos para a Administración Electrónica), Serviguide, Aenor e Nanoinmunotech, os participantes poderán coñecer diferentes técnicas para pór en marcha iniciativas de I+D+i.
A asistencia é gratuíta e está aberta a profesionais, empresas, agrupacións empresariais ou institucións galegas que desexen potenciar a súa cultura innovadora. Os interesados deben enviar o formulario que atoparán na páxina web do Centro de Excelencia de Vigo.
Programa
09:30h. Rexistro de asistentes
10:00h. Apertura da xornada
10:15h. Aplicación empresarial da Norma UNE 166002: Para que un Sistema de Xestión de I+D+i
Dna. Natalia Nogueira. Xerente consultoría. Serviguide.
11:00h. O proceso de certificación
D. Álvaro Cepeda. Auditor xefe de I+D+i. Aenor
11:30h. PAUSA CAFÉ
12:00h. Mesa redonda: Casos prácticos de empresas
Como innovar e non morrer no intento
D. Rafael González. Desenvolvemento de negocio. Futuver.
Caso de éxito: Nanoimmunotech
D. Christian Sánchez. Director técnico. Nanoimmunotech.
13:00h. Rogos e preguntas
13:30h. Peche da xornada
Centro de Excelencia de Vigo
O Centro de Excelencia de Vigo é un centro de alto rendemento en creatividade aplicada á innovación, que se dedica ao desenvolvemento das capacidades innovadoras das empresas e organizacións empresariais, facilitándolles a posta en marcha de proxectos innovadores, contribuíndo a dinamizar a súa actividade empresarial e a mellorar os seus procesos de xestión. Trátase dunha factoría de innovación galega e está promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI), o Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) e a Universidade de Vigo (UVIGO), e co-financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

PUBLICIDADE