O Centro de Estudos Galegos da UCM lanza web sobre as homenaxes en Madrid a Vidal Bolaño

venres, 10 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

Esta nova edición do Día das Letras Galegas que se albisca ao lonxe (dedicada, como lembraremos, a conmemorar a figura do autor, director e actor de teatro Roberto Vidal Bolaño) tamén vai ter as súas xeiras de celebración en Madrid. Concretamente, da man do Centro de Estudos Galegos da UCM, que ten preparadas (antes, durante e despois do 17) unhas máis que completas Xornadas de Letras Galegas 2013. Este programa xa ten web de seu, unha completa axenda de accións virtual que, ademais, preséntase como unha nova fonte de coñecemento sobre o autor de As actas escuras e Laudamuco, señor de Ningures.
Segundo informa o dito centro, tanto a páxina como as xornadas ás que lle dan voz e alcance, “achegan a posibilidade de coñecer e poñer en valor as diferentes iniciativas, proxectos, agrupacións, espazos, autores e obras que desde dentro e fóra da Galiza velan pola investigación, a formación e a difusión da lingua e literatura galegas”.
As actividades das xornadas desenvolveranse os días o martes 14 (Filosofía e Filoloxía da Universidade Complutense de Madrid), xoves 16 (Escolas Pías da UNED), venres 17 (Club de Amigos da UNESCO) e luns 20 (Espazo das Linguas Ibéricas). Intervirán Vicente Araguas, Carolina Alba Castro Estévez, Escola Superior de Canto de Madrid, Lois Diéguez, Xosé Manuel Fernández Castro, Xavier Frías Conde, Marta González Suárez, Beatriz Hernanz, Luis Luna, Verónica Martínez, Pilar Mera, Roberto Pascual, Manuel Pereira Valcárcel, Luz Pichel, Begoña Regueiro, Marga Vázquez, Mila Villanueva e Rafa Yáñez. As xornadas están organizadas e coordinadas polo Centro de Estudos Galegos, do Departamento de Filoloxía Románica, Fil. Eslava e Lingüística Xeral (UCM).

PUBLICIDADE