O Centro Tecnolóxico AIMEN fai da súa web un obradoiro virtual de investigación

martes, 22 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

A Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN) vén de converter o seu espazo na Rede nunha ampliación dos escenarios naturais de traballo do seu Centro Tecnolóxico. Dito doutro xeito: visitar o site de AIMEN é o mesmo que visitar os obradoiros de investigación de AIMEN. Ademais, a nova web quere tirar proveito de todas as vantaxes de cooperación, intercambio de coñecemento e traballo conxunto da nova orde de Internet, a 2.0.
Así o fixo saber estes días a propia entidade, que vén de cumprir o seu corenta aniversario, estando a remodelación da web incluída na listaxe de actividades conmemorativas. En palabras do propio Centro Tecnolóxico, o obxectivo da páxina é crear unha “auténtica comunidade virtual de investigación, achegando así un servizo mellorado de navegabilidade e ofrecendo informacións de gran utilidade ós usuarios e clientes, como os proxectos do Centro ou as novas máis destacadas”.
Ademais, o portal inclúe un novo sistema de xestión de contidos de código aberto (software libre) que permite “a actualización doada, rápida e eficaz da información mostrada”, ademais dun sistema de navegación máis fluído, sinala AIMEN.
Asemade, os internautas poderemos empregar a web en tres linguas diferentes (galego, castelán en inglés) e todas as súas seccións están deseñadas de maneira que non sexan precisos extensos coñecementos de informática para acceder a elas e navegalas. Segundo informa a entidade, a páxina cumpre cos requisitos de accesibilidade marcados polo World Wide Web Consortium.
Actividades polo 40 aniversario
Co obxectivo de celebrar as catro décadas de actividade, AIME ten na axenda un programa de eventos nos eidos científico e editorial. Así, no mes de novembro, celebrarase a IV Xornada de Procesado de Materiais con Tecnoloxía Láser, AIMEN láser 07, no contexto da Semana da Ciencia. E no ámbito editorial, AIMEN publicará un libro con carácter retrospectivo dos 40 anos de traxectoria investigadora e producirá un vídeo histórico.

PUBLICIDADE