O Centro Multimedia de Galicia desenvolve un curso de edición dixital de audio

mércores, 9 de decembro do 2009 Raquel Noya

A edición de son está a experimentar unha grande transformación e apertura de cara aos usuarios coa chegada dos formatos dixitais, permitindo unha grande redución de custes en canto á adquisición de equipos e materiais de edición que, ata o de agora, precisaban dun desembolso e duns coñecementos cos que non todo o mundo podía contar.
Dado que a día de hoxe case é unha tecnoloxía accesible para calquera usuario, e calquera persoa pode realizar tarefas básicas de edición de audio cun acabado similar ao de calquera profesional coa simple adquisición dun ordenador básico e programas baseados en software libre, son moitas as persoas interesadas en mellorar os seus coñecementos neste campo e realizar pequenos traballos caseiros cos que sorprender a amigos e familiares ou incluso facer algún regalo orixinal.
É por isto que o Centro Multimedia de Galicia vén de poñer en marcha un curso de edición dixital de audio que se desenvolverá a partir da vindeira semana nos telecentros de comunicación de Sarria, Chantada, Lugo, Tui, Catoira, Vimianzo, Melide, Verín, Oroso, Lalín, Ourense, A Estrada, Allariz e Xinzo de Limia.
Este curso, de carácter gratuíto, vai dirixido a todos aqueles interesados na edición profesional de son que busquen un punto dende o que comezar, será de catro horas de duración e desenvolverase de 16.30 a 20.30 horas. Os interesados aínda poden inscribirse chamando ao 902 922 270 ou a través da web oficial do Centro. O número de prazas é limitado.
O obxectivo deste curso de edición dixital de audio, organizado pola Secretaría Xeral de Medios a través da campaña Comunícate do Centro Multimedia de Galicia, é que o alumnado, ao rematar, “obteña unha visión completa sobre os diferentes formatos de audio dixital sendo capaz de manexalos e editalos”. Os alumnos e alumnas traballarán co programa de edición de audio Audacity, baseado en software libre.
Este curso forma parte das iniciativas que dende o Centro Multimedia de Galicia se realizan para “contribuír na formación de futuros profesionais e potenciar, deste xeito, o sector audiovisual e multimedia galegos”.

PUBLICIDADE