O Centro GaiásTech acolleu unha conferencia sobre computación cuántica

xoves, 6 de outubro do 2022 Redacción

O director da AMTEGA, Julián Cerviño e o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), Julio Sánchez, presentaron hoxe no GaiásTech a conferencia Computación cuántica na industria, impartida polo director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia, Lois Orosa.
A charla, que forma parte do programa de transferencia de coñecemento sobre novas tendencias tecnolóxicas no que colaboran a AMTEGA e a AETG, súmase ás 120 actividades que leva realizadas o Centro GaiásTech desde a súa posta en marcha hai menos de ano e medio. Así o destacou durante a presentación o director da Axencia autonómica, que destacou que o centro está a cumprir co obxectivo de ser un lugar para a experimentación e demostración de tecnoloxías e un centro de asesoramento para favorecer a transformación dixital das empresas.
Desde xuño de 2021 máis de 4.000 persoas e arredor de 660 empresas participaron nas actividades do GaiásTech, impulsadas pola Axencia en colaboración con diferentes entidades, colexios profesionais e empresas. Julián Cerviño lembrou que o centro é un dos instrumentos fundamentais da Estratexia Galicia Dixital 2030 para impulsar a especialización tecnolóxica, promover o talento dixital, fortalecer o hipersector TIC, impulsar as novas tecnoloxías disruptivas como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, a intelixencia do dato ou o 5G e favorecer a súa adopción polos distintos sectores produtivos.
O director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia que lidera o Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, Lois Orosa Nogueira, centrou a súa intervención nos principios da computación e as comunicacións cuánticas, o estado da arte e as súas aplicacións principalmente na industria e noutros sectores como o sanitario, o financeiro ou das TIC.

PUBLICIDADE