O Centro Demostrador TIC estrea portal e aplicación con posibilidade de streaming

luns, 18 de abril do 2016 Redacción

O Centro Demostrador TIC, un dos principais lugares de encontro dos nosos profesionais do sector (presentando novos produtos e servizos profesionais), vén de estrear novo portal e máis unha aplicación móbil de seu. Segundo informa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), responsábel do CDTIC, o novo espazo en liña (cdtic.xunta.gal) diríxese a fortalecer ao máximo o carácter de visualizador de tecnoloxías do CDTIC, poñendo en xogo, a disposición de empresas e profesionais, un recurso máis intuitivo e accesíbel e espazos específicos para (precisamente) empresas e profesionais.
Polo que se refire aos retos cos que se enfronta a aplicación, sinalar que o seu obxectivo (en boa medido compartido co portal) é “permitir aos usuarios do centro consultar a axenda de actividades, incorporalas ao seu calendario persoal, inscribirse nelas e compartir contidos a través das redes sociais”. Por outra banda, incorpora a posibilidade de achegar en streaming, nos dispositivos móbiles das persoas usuarias, as diferentes actividades celebradas no CDTIC. E, tamén, estenderá a marxe de interacción entre os asistentes e relatores durante o desenvolvemento dos seminarios e obradoiros, reforzando a vertente de intercambio de informacións e opinións en tempo real.
A aplicación xa está dispoñible na Play Store de Android e na Apple Store buscando o epígrafe "CDTIC".
Volvendo ao portal, AMTEGA salienta (entre outras moitas cousas) o seu novo deseño, “máis visual e interactivo”, e tamén os esforzos aplicados para acadar a máxima optimización en materia de “usabilidade” nos distintos dispositivos e formatos de pantalla. O novo portal, engade a axencia, fai primar o contido audiovisual do Centro Demostrador, con novas seccións como En diferido (onde poderanse ver de novo os seminarios celebrados no CDTIC), ou Experiencias TIC (a través do cal, directivos ou xerentes de empresas compartirán a súa experiencia no uso tecnoloxía). Como dixemos, os contidos e servizos figuran artellados en base ao colectivo ao que se encamiñan: profesionais e empresas ou empresas TIC, “facilitando deste xeito un acceso rápido e personalizado aos mesmos”.
No Espazo Privado para Profesionais e Empresas, os usuarios do Centro poderán inscribirse nas vindeiras actividades do centro, levar un histórico dos seminarios e presentacións nas que teña participado, descargar a documentación e material divulgativo ou, tamén, probar e analizar aplicacións empresariais libres na nube a través do CDTIC Virtual.
Pola súa banda, no Espazo Privado para o Empresas TIC, os provedores tecnolóxicos estarán en disposición de xestionar a información da súa empresa no MapaTIC.gal; facer unha reserva para presentar as súas solucións tecnolóxicas no CDTIC; seguir as inscricións nas súas actividades ou mesmo obter un informe personalizado no que se recolle o perfil dos asistentes e unha valoración dos seus produtos e servizos.

PUBLICIDADE