O Carballo Interplay estreará a primeira webserie interactiva en galego

martes, 17 de novembro do 2020 Marcus Fernández

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay estreará este xoves ás 22:00 horas a primeira webserie interactiva en galego, Amnesia 3.0, proxecto gañador do Premio á produción de proxecto convocado na pasada edición do certame. A situación sanitaria levou a que esta estrea vaia realizarse a través da Rede, cun coloquio posterior coas súas creadoras: Irene Pin, Iria Iglesias e Natalia Porca.
Estamos ante un fito da ficción dixital galega, que abre a posibilidade de que o espectador poida escoller o itinerario no que transcorrerá a historia desta miniserie de 3 capítulos na que non faltan caras moi coñecidas no audiovisual galego como son Monti Castiñeiras, Isabel Naveira e Sabela Arán.
Amnesia 3.0 parte de 3 puntos de vista diferentes, podendo o público seguir a historia dende un ou outro percorrido, decisións que non afectan á historia, pero si á súa percepción, xa que en cada cruzamento de personaxes poderase elixir a quen seguir, mudando así o xeito no que se ve o que está a pasar. Unha interesante proposta que demostra que é posible facer ciencia ficción sen grandes efectos especiais e cun orzamento moi limitado dende a nosa terra.

Imaxe da gravación de Amnesia 3.0

Tráiler de Amnesia 3.0

PUBLICIDADE