O Campus de Ourense pon en valor as súas árbores con códigos QR
xoves, 8 de febreiro do 2018
Tecnoloxía e coñecemento e preservación da
natureza non teñen porqué estar rifadas. De feito, de camiñaren
xuntas, adquiriremos novas dimensións sobre a natureza que nos
rodea, e esta, ademais, terá máis garantida a súa conservación.
Por este vieiro está a transitar o Campus de Ourense, que conta
dende 2007 cun salientábel itinerario verde, a Ruta das Árbores,
que, amais de ser un lugar para o lecer e para reivindicar o respecto
pola natureza, serve de exemplo do que podería ser un bosque
universitario ideal (conta cunha chea de especies de todo o mundo, a
xeito de resumo do que debe ser un campus: un entrecruzamento de
coñecemento diverso). Para
impulsar esta ruta, o campus emprazou códigos QR nas árbores do
percorrido. Agora, os visitantes poderán recoñecer as
diferentes especies e saber máis da súa orixe e características a
través dos seus teléfonos móbiles,
Segundo explica José Manuel Pérez, responsábel
de zonas verdes e xardinería do Campus de Ourense, hai arredor dun
millar de árbores e arbustos de máis de 170 especies diferentes
repartidas nas diferentes zonas verdes universitarias. Para pór en
valor esta riqueza natural, apunta, téñense levado a cabo
diferentes accións, como unha publicación, a sinalización de
especies ou visitas guiadas para grupos. Agora, a tecnoloxía vén de
permitir un novo e importante paso neste proceso de revalorización,
levado a cabo pola Vicerreitoría do campus e a Oficina de Medio
Ambiente da Universidade de Vigo.
Para comezar, a iniciativa implicou o fornecemento
de códigos QR nos paneis informativos sobre o Campus emprazados nas
diferentes entradas das rutas. Segundo lembran os impulsores da
iniciativa, “esta ferramenta permite por medio de teléfonos
intelixentes ou tabletas que teñan instalado Google Maps e un lector
de códigos QR coñecer o nome das árbores ao pasar a carón delas.
Poden tamén ter máis información de cada exemplar premendo sobre
as iconas e as ligazóns propostas”. Os usuarios só terán que ler
coas aplicacións para códigos QR dos seus teléfonos os códigos
situados nos paneis informativos. O uso do GPS, indican, tamén
permite ás persoas interesadas ser guiadas polo campus en busca da
especie que queren ver entre todas as dispoñíbeis.
Alén de poder acceder de xeito inmediato e amplo
á información de cada árbore, indica Pérez Teijeiro, unha das
vantaxes deste sistema é que “permite visualizar no seu conxunto,
de xeito global, a diversidade de especies con que contamos e ter
unha imaxe de como están distribuídas fisicamente polas diferentes
zonas”. Esta visualización, sinala, non é posíbel obtela
consultando só os paneis informativos situados ao carón de parte
das árbores ou o libro do roteiro.